Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

'Noutra dimensión', unha viaxe na descuberta interior

A escritora luguesa Marica Campo fía, neste libro, varios relatos de aventuras, maxia e achados sobre a liberdade

Aínda que o título pareza remitir cara a universos ficcionais de mundos paralelos ou á existencia simultánea en diferentes dimensións do universo, o relato de Marica Campo sitúase nun mundo máxico dende o que se observan con distanciamento e mirada escrutadora problemas que asolan a sociedade actual, en especial os que máis directamente afectan á infancia.

O narrador e protagonista é Cidre, un rapaz que, no seu afán por medrar e liberarse das continuas discusións que manteñen seus pais, atopa nos libros unha fuxida. O achado dun vello manuscrito permítelle dar coa fórmula para se transformar en vento, facerse invisible e percorrer o mundo. Unha fermosa metáfora do poder que teñen os libros para vivir outras vidas, outros mundos e experiencias que marcan e enriquecen a formación como persoas. Deste modo, aínda que se xoga coa alusión á dimensión mítica e se recorre ao legado da cultura clásica greco-latina e tamén a exipcia, en realidade o que Marica Campo ofrece é un rico elenco de personaxes, lugares, situacións e peripecias ao servizo dunha viaxe física e emocional na descuberta dun mesmo, do duro proceso de autocoñecemento e maduración. Un canto á imaxinación e aos soños, no que converxe tradición e modernidade e no que salienta a tenrura, o humor e o sorriso longo.

Cuestións como os constantes ataques á natureza, a discriminación por razóns de xénero ou raza, o sacrificio da nenez en conflitos bélicos son tratados por Cidre cunha sensibilidade e contundencia que arrastra o lectorado.

É o caso da protagonizada por María, á que ignoran por pobre, sen valorar a súa capacidade e eficacia e, sobre todo, por Munir, rapaz palestino que vive marcado pola morte dos seus, a miseria e a persecución, adoutrinado e convencido de que a súa inmolación o levará ao paraíso. Eles representan a vítimas inocentes que sofren as consecuencias dunha sociedade manipulada polas forzas políticas e as ideoloxías radicais, roubándolles a infancia, o futuro e a ilusión.

O retrato tamén se detén na sociedade galega, na que Cidre, nunha viaxe de introspección e descuberta da cultura propia, desvela a raíz de problemas como a perda da identidade, do respecto ás persoas maiores e da memoria histórica, urxindo aos máis novos a tomar conciencia de que a "vida non comeza cando nacemos", senón que formamos parte dunha cultura e unha cosmovisión do universo que nos legaron as xeracións precedentes, herdanza que é preciso coñecer e valorar.

En definitiva, unha obra na que os saltos temporais e os xogos de avance-retroceso da trama obrigarán o lectorado mozo a unha lectura activa e participativa, reconstruíndo e descrifrando símbolos, mitos, enigmas, etc., que o aproximan á dimensión e esencia da natureza humana a través do amor, a sensibilidade e o respecto.

imocino@hotmail.com

Literatura Infantil e Xuvenil

PARA LEMBRAR
O pasado 4 de agosto celebrouse o aniversario da morte do inesquecible recompilador e sobre todo reescritor de contos da transmisión oral Hans Christian Andersen (Odesse-Dinamarca, 2 de abril de 1805-Copenhague, 4 de agosto de 1875). Dende finais dos anos setenta podemos ler en galego en distintas versións e adaptacións parte desta obra do autor dinamarqués, base do imaxinario infantil de moitas xeracións e material literario para futuras reescrituras. elos
PROTAGONISTAS ELIXIDOS
Agustín Fernández Paz. É hoxe o noso protagonista Agustín Fernández Paz, un escritor xa recoñecido nesta páxina desde os seus inicios por motivos varios. Nesta ocasión queremos salientar que no mes de abril deste ano a súa obra ‘O único que queda é o amor’ (Xerais, 2007), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil (2008) foi incluída na The Best European Fiction (Mellor Narrativa Europea) da editorial estadounidense Dalkey Archive Press, unha se­lección que axuda á internacionalización da Literatura Infantil e Xuvenil galega da man de autores xa clásicos. Recomendamos para este verán polo tanto a relectura de ‘O único que queda é o amor’, xunto a outras magníficas obras deste escritor como por exemplo as que constitúen o “ciclo das sombras” e ‘Non hai noite tan longa’ (2011), obra coa que por primeira vez Agustín Fernández Paz entrou na Literatura de adultos ou institucionalizada, dado que a obra foi incluída na colección ‘Narrativa’ de Edicións Xerais. ELOS

para coñecela +

90
Reescritura dos materiais narrativos de transmisión oral. Ao igual que nas décadas anteriores, os creadores literarios continuaron empregando estes materiais con diferentes usos. Son de salientar as obras da colección Cabalo buligán de Edicións Xerais de Galicia, iniciada en 1998, na que Antonio Reigosa, Xoán Ramiro Cuba e Xosé Miranda ofrecen achegas conservando o seu espírito de oralidade; tamén Contos do trabecín e trabezón (1993), de Xoán Babarro; Cristo e San Pedro, peregrinos (1994), de Bernardino Graña; e a escolma de contos de animais Contos populares galegos. Animais (Galaxia, 1995), de Enrique Harguindey e Maruxa Barrio. Esta corrente viuse recoñecida ao merecer o primeiro galardón do Premio Merlín 1998 Memorias dun raposo, na que Reigosa relata a historia de vida dun raposo por medio da técnica de incluír contos e mitos na trama da historia, para dar a coñecer o pasado mitolóxico, tanto galego coma universal, técnica que tamén foi empregada por outros autores en obras como Barriga verde e o dragón Achís (1990), Premio O Barco de Vapor 1989 e Contos do reino de Mamoranguá (1999), de Xoán Babarro e Ana Mª Fernández e O trasno de Alqueidón (1996), de Marilar Aleixandre, entre outras. mar fernández vázquez FERREIRA BOO

09 ago 2011 / 03:14
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito