Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Novo iPhone SE: un iPhone 8 actualizado

Apple presenta un segundo iPhone SE que basicamente é un iPhone 8 co procesador do iPhone 11 xunto con algunhas melloras en conectividade.

Tras varios meses con rumores sobre o posible lanzamento dun iPhone 9, que pretendería converterse nun smartphone de iPhone cun prezo asumible grazas a certas concesións técnicas e de deseño, temos finalmente a segunda xeración do iPhone SE, un smartphone con pantalla Retina HD de 4,7 polgadas, sensor Touch ID e un procesador A13 Bionic, que podería describirse rapidamente como un iPhone 8 cun procesador actualizado, que poderá reservarse a partires do venres a un prezo base de 489 euros (prevéndose a súa entrega a partires do 24 de abril).
Cando en 2016 chegou ao mercado o primeiro iPhone SE converteuse en toda unha revolución, xa que viña a ser un iPhone 6s (o último modelo de iPhone) co deseño externo do iPhone 5s, o que non só implicaba un procesador máis actual, senón tamén unha cámara propia dun móbil de alta gama, de xeito que o principal sacrificio do modelo económico era o tamaño de pantalla (o que incluso podía resultar vantaxoso, xa que traducíase nunha maior autonomía).
Deste volta, o novo iPhone SE non é un produto tan atractivo, tratándose basicamente na actualización do procesador do iPhone 8, que pasa a quedar fóra de catálogo. O salto dun procesador A11 Bionic a un A13 Bionic garante que o produto vaia ter unha vida útil moi superior, e tamén permite algunhas melloras a nivel de software que poden favorecer ao apartado fotográfico pese a contar basicamente coas mesmas cámaras (por exemplo, o novo iPhone SE é capaz de aplicar o desenfoque de fondo na cámara frontal, e incorpora son estéreo ás gravacións de vídeo). Outra vantaxe interesante é a nivel de conectividade, xa que ao ser un produto máis novo, conta cunha versión máis avanzada do 4G, a posibilidade de integrar 2 números de teléfono aproveitando as posibilidades da eSIM e incluso con Wi-Fi 6, ou sexa, que temos un smartphone mellor preparado para o futuro.
Aínda que non esteamos ante un produto revolucionario, supón unha importante mellora para o smartphone de entrada de Apple, polo que posiblemente remate sendo o móbil da compañía da mazá que máis unidades venda ao longo deste ano, especialmente nos mercados con menor poder adquisitivo.
O novo iPhone SE poderá mercarse con carcasa en branco, negro ou vermello, a un prezo de 489 euros na súa versión con 64 GB de almacenamento, de 539 euros con 128 GB de capacidade e de 659 euros para a versión con 256 GB de capacidade.,

16 abr 2020 / 06:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito