Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ tribuna libre }

‘O Leviatán’

    ‘O Leviatán’ é unha pequena obra mestra escrita por Joseph Roth ao ano seguinte da chegada de Hitler ao poder. Joseph Roth é un autor esencial da literatura alemá, sobre todo no período de entreguerras. Xudeu rural, desterrado tanto da súa terra como da súa lingua, a súa vida foi un exemplo paradigmáticio dun demorado suicidio provocado polo alcohol. Unha consumación da desventura na que se convertera a súa vida. Non entanto e malia estar mergullado en tanta turbulencia existencial, foi capaz de escribir excelentes obras de ficción, entre elas A marcha de Radetzky, sen dúbida a máis coñecida. Os libros de Roth arderán na fogueira despois de que Hitler acadase o poder. Mais da pira incendiaria nazi renacen con forza a figura e o prestixio deste grande escritor.
    Esta nouvelle, ganduxada con fina ourivería literaria, traslada o lector á pequena cidade de Progrody onde vive Nissen Piczenik, xudeu artesán e comerciante de corais, polos que sente unha tenrura case que familiar. Porén, consonte coas tradicións xudaicas, cría que os corais son animais mariños, gobernados no fondo primitivo das augas polo Leviatán, mais con acendidos desexos de emerxer á superficie para seren traballados polos ourives e así adornar as fermosas labregas. Un día, turrado pola nostalxia do mar, viaxa a Odesa e aparece na súa vida Jenö Lakatos que abrira un bazar de corais moito máis baratos que os de Piczenik, corais artificiais feitos de celuloide. E o diaño mételle na testa a idea de mercarlle algúns e mesturalos cos auténticos. Deste xeito, traizóase a si mesmo e, como consecuencia, o destino deixa de favorecelo, aínda que o seus tráxico final paradoxicamente supón unha realización das súas arelas: ver realizado o desexo nostálxico de fundirse con aquilo ao que considera que pertence.
    Josph Roth escribiu esta breve fábula, que arestora edita Acantilado, cun estilo sinxelo e directo, fermosamente pulcro. Unha historia perfectamente rematada que transmite con extraordinaria eficacia o ton dunha parábola talmúdica. Un breve e sutil apólogo que bota man de personaxes arquetípicos para explorar a complexidade do ser humano e postular a necesidade da autenticidade e a integridade persoal. A prosa de J. Roth ten a capacidade de comunicar por medio de insinuantes imaxes, unha verdadeira lección moral, na que o tráxico castigo por afastarse da propia autenticidade é asemade a consumación do máis íntimo devezo: afundirse nas augas mariñas.

    Crítico literario

    11 ene 2014 / 22:10
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito