Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
literatura infantil e xuvenil

O galego Marcos S. Calveiro recibe en Madrid o XVIII Premio Ala Delta

'El cartero de Bagdad' é a tradución ao castelán da obra galega orixinal, 'O carteiro de Karrada' ·· Luis Vives publica o libro nos dous idiomas ·· Lydia Carreras de Sosa recolleu o premio Alandar

    O escritor galego Marcos S. Calveiro recolleu onte á tarde en Madrid o premio Ala Delta, na súa décimo-oitava edición, polo seu libro O carteiro de Karrada, do que tamén se presentou onte unha tradución ao castelán baixo o título El cartero de Bagdad.

    Antes, pola mañá, presentouse a novela de Calveiro e o orixinal gañador do VII Premio Alandar, El juramento de los Centenera, de Lydia Carreras de Sosa nun acto no que ademais dos autores estiveron presentes Pilar Careaga, directora de Publicacións Xerais de Edelvives, Mª José Gómez-Navarro, presidenta do xurado dos premios, e o ilustrador de El cartero de Bagdad, Miguel Ángel Díaz Navarro.

    O carteiro de Karrada/El catero de Bagdad achégase á vida en Bagdad, a cidade atravesada polo Tigris, que hoxe resiste baixo as bombas. Na novela destaca un neno, Ibrahim, quen alleo a todo, reparte o correo na súa motocicleta. No seu peto leva unha misteriosa carta que se propuxo entregar custe o que custe.

    Calveiro explicou que a idea de levar a cabo o seu libro xurdiu dun recorte de xornal. En concreto, na noticia figuraba como en Bagdad a pesar de non ter nin comida, "seguía existindo correo". Tras un par de manifestacións en contra da guerra ás que foi acompañado do seu fillo, con motivo do terceiro aniversario do comezo da guerra, o escritor decidiu recuperar aquel vello recorte e plasmar unha historia ao redor da correspondencia na capital iraquí.

    Así mesmo, recoñeceu que todos os detalles da cidade foron rescatados de libros que lera e dalgunha enciclopedia, xa que a diferenza do que pensaron os membros do xurado cando leron o seu manuscrito, Marcos S. Calveiro nunca estivo en Bagdad.

    A CLAVE

    A primeira obra en galego galardoada

    O autor de O carteiro de Karrada amosou onte a súa satisfacción polo feito de que o seu libro fora o primeiro en lingua galega en recoller o premio Ala Delta de literatura infantil. Co gallo do premio, a editorial Luis Vives publicará a obra tamén en castelán, nunha tradución de Nacho Chao e con ilustracións de Miguel Ángel Díaz Navarro .

    28 nov 2007 / 00:34
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito