Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A obra de Castelao será BIC no seu 125 aniversario

A Xunta aproba a resolución pola que se incoa o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o legado do rianxeiro//O DOG vai certificar nos vindeiros días o recoñecemento

Subiuse o primeiro chanzo para o recoñecemento da achega do artista rianxeiro. A Dirección Xeral de Patrimonio aprobou onte a resolución pola que se incoará o procedemento para a declaración da obra de Castelao como Ben de Interese Cultural do pobo galego.

A resolución sairá oficialmente publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días e suporá a catalogación de toda a obra do escritor de Rianxo e un cambio cualitativo no traballo multidisciplinar de Castelao que abrangue dende creacións plásticas, a xoias literarias, pasando por unha importante labor ensaística e documental que recolle o acervo cultural do país.

Fontes da Dirección Xeral de Patrimonio afirmaban onte que se declarará como "Ben de Interese Cultural o conxunto da súa obra, é dicir todo o seu legado tanto o literario, como político e a obra plástica".

A obra de Castelao é clave para a constitución de Galicia coma un ente cultural diferenciado tanto en canto á lingua coma á cultura, e a formación dunha "conciencia de Galicia como nación", tal e como afirma a Dirección Xeral de Patrimonio.

 

Privilexios. A resolución, pola que se recoñece a obra de Castelao coma un dos bens máis sobranceiros do noso patrimonio cultural, determina a aplicación inmediata do réxime de protección propio dos bens culturais xa declarados, segundo a Dirección Xeral de Patrimonio. Daquela, de antemán, é de dominio público, co cal a Administración é o órgano que xestiona e protexe o valor artístico, histórico e espiritual da obra de Castelao, independentemente de que haxa traballos que sexan de titularidade privada. Neste caso, o dono terá a obriga de facilitar a inspección, visita e investigación do ben a cambio de certos privilexios fiscais e axudas para o seu mantemento e restauración. De feito a Xunta garantirá "o libre acceso a todos os investigadores ás obras de Castelao". Tamén se establece co nomeamento un maior control sobre o movemento e modificacións da obra, xa que son necesarias autorizacións para calquera trámite que a atinxa.

Unha das condicións que emanan da declaración como BIC é que "o gran público poderá visitar a maior parte do seu legado", se ben a dimensión e dispersión do mesmo impedirán, segundo a Xunta, agrupar a obra completa do intelectual rianxeiro nunha mesma ubicación.

Por outra banda, o inicio das xestións para o recoñecemento como BIC das creacións do autor de Cousas da Vida coinciden co 125 aniversario do seu nacemento, efeméride para a que o Bloque Nacionalista Galego reclamou unha programación especial para a "difusión da obra e do pensamento do galeguista". Ese 125 aniversario tivo, segundo fontes de Patrimonio, un papel clave para a apertura deste proceso de recoñecemento no que "se leva varios anos traballando".

No anexo que acompaña a resolución que se publicará no DOG menciónase de modo superficial os fitos principais da obra narrativa e plástica, con indicación neste caso do lugar onde se pode atopar. Esta relación, segundo matiza a consellería, serve para dar unha "idea da extensión, singularidade e pervivencia da súa pegada cultural".

Froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Fundación Castelao elaborouse un catálogo de toda a obra artística de Castelao, que se recolle nunha base de datos dixital con máis de tres mil rexistros.

tendencias@elcorreogallego.es

 

Sempre en Galiza

•••A literatura de Afonso Daniel R. Castelao estivo marcada por unha fonda sátira social e política que tamén se veu reflectida na súa actividade como pintor. De feito, a actividade plástica e a literaria estiveron moi ligadas dende os seus inicios, tal e como se ve na súa segunda obra, Cousas, na que debuxa diferentes personaxes tipo da sociedade galega co fin de denunciar a situación de desigualdade que se vivía. A novela chegou máis tarde e despois o teatro renovador d'Os Vellos non deben namorarse. Sempre en Galiza publicada en 1955, é a súa obra de ensaio por excelencia e está considerada coma o libro de cabeceira do nacionalismo galego.

12 jul 2011 / 01:53
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito