Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
acb

O Obra quere colgar o terceiro cartel de cheo

O club desexa un espectacular fin de festa este domingo en Sar no que sexan os xogadores quen contaxien á afección

    Suceda o que suceda en cada xornada, tanto para acougar a euforia cando chega o éxito como para levantar o ánimo cando a situación se torceu, a frase de Moncho Fernández é xa un lema no vestiario: "Sempre hai un luns". Por iso, aínda que feliz, satisfeito e por fin consciente de que o obxectivo se cumpriu, o técnico do Rio Natura Monbus non cede no seu grao de esixencia e xa puxo un novo reto aos seus xogadores: "Facer do Multiusos de Sar unha festa este domingo" no derradeiro encontro da Liga Endesa 2015/16.

    O Obradoiro resolveu a súa permanencia por quinta tempada consecutiva na ACB grazas á súa vitoria do sábado ante o Morabanc Andorra (74-84) e xa desde entón sucedéronse as celebracións. Primeiro cumpriuse a axenda e cantouse o aniversario feliz a un Pepe Pozas que tivo que custear parte da festa, e despois do discurso de gratitude do adestrador aos seus homes no vestiario, o autobús serviu de lanzadeira para unha noite longa. Notouse a sana resaca nas caras dalgúns dos protagonistas o domingo cando recibiron a calor dun grupo de afeccionados na chaira de Sar preto das dez da noite, pero para Moncho Fernández o colofón á consecución do "título da permanencia" poñerase no último encontro de Liga fronte ao Unicaja (a partir das 12.30 horas).

    "Quero o domingo unha festa en Sar, pero unha festa na que nós contaxiemos á xente. O que quero é que co noso esforzo, a nosa loita e a pelexa deamos as grazas a todo o mundo, a todos os que viñeron hoxe ata aquí, aos que nos seguiron, aos que nos felicitaron polas redes, todas estas bágoas que houbo, e devolverllo á xente. Iso é o que quero", andiaba o adestrador compostelán pouco despois de chegar o domingo a Compostela.

    O club comparte o anhelo do seu técnico e por iso onte secundaba a súa idea mantendo os prezos populares para abonados nunha promoción limitada. Así, de novo poderán comprar entradas para quen queira, sen límite de número, por 2 euros en Fondos, 4 euros en Tribunas 2, 6 euros en Tribunas 1 e 8 euros en Tribunas Retráctiles.


    O rival, sen desafíos. Con esta enésima iniciativa o Obradoiro confía en volver colgar o cartel de non hai billetes -igual que xa o fixo esta campaña fronte ao UCAM Murcia e ao Bilbao- nun encontro en que o rival, o Unicaja de Málaga, non contará con ningún desafío clasificatorio. O cadro que dirixe Joan Praza xa é sexto na táboa -terá o factor cancha en contra no play-off- á espera de coñecer aínda se o seu rival será o Real Madrid, o Valencia ou o Barcelona.

    Resolta a salvación, o Rio Natura Monbus pode optar aínda á décimo quinta praza -a súa segunda peor clasificación tras a campaña 2009/10 en que descendeu-.

    O conxunto compostelán ten a posibilidade de deixar un equipo de marxe entre a súa posición actual, a número quince, e o descenso, o que logrará se gaña ou se perde e non gaña o ICL Manresa na súa visita ao Laboral Kutxa.

    { O DÍA DESPOIS }

    Sexta temporada

    si, o río natura monbus obradoiro vai disputar a súa sexta tempada, a 2016-2017, na ACB. E, por méritos propios, a falta dunha xornada para que termine a Liga Endesa 2015-16, unha das máis disputadas que lembramos, para a disputa do 'play-off' polo título faltan aínda dous convidados de entre catro equipos, e seguimos sen coñecer cal dos dous, Estudiantes ou Manresa, descenderá. Nunca poderei esquecer o partidazo de Andorra, que é como un título para o Obra tras o devir da tempada, por ser a vitoria do acougo, xa que de perder non me imaxino como puidese soportar a todo un Barça facendo o ridículo en Madrid ante este Estudiantes que ten oito vidas, unha máis que os gatos máis espabilados. Para máis In-ri, o Manresa perde no último segundo ante o Guipuzkoa Basket que competiu coma se fóselle a liga niso nun alarde de deportividade que honra a Porfirio Fisac e aos seus xogadores.

    Grazas a esa estupenda vitoria conseguida en e ante o Andorra, a tarde do domingo foi emocionante pero absolutamente pracenteira, gozando desde a perspectiva da tranquilidade que dan os deberes feitos, da visión de dous vistosos finais de partido nos que non nos preocupaba máis nada que coñecer o incerto resultado e ver bo baloncesto. Afortunadamente, e grazas a este final de Liga no que Benzius destapou o tarro das esencias e fíxonos esquecer ao mellor Wazcynski de comezos de tempada, e á férrea solidez que Maric deulle ao equipo (Shermadini, un dos mellores pivots da liga debe de estar a soñar como poder movelo dentro da zona), sen esquecernos do oficio e o máis importante, a competitividade que achegaron Kolesnikov e Vasileiadis, seguimos na ACB.

    Neste festivo final non nos podemos esquecer en grao sumo importante, do verdadeiro 'leiv motiv' desta 6ª tempada que nos toca disputar e espero que gozar, a COMUNION entre o equipo e os seus afeccionados que levaron polo aire aos xogadores sempre, nos bos e nos peores momentos.

    Quédanos o partido do próximo domingo ante o Unicaja, que vai ser o do agradecemento e da celebración, nunha xornada para gozar e seguro que para gañar, xa que tal e como anda o equipo, quererá responder o agarimo dos afeccionados co seu mellor xogo, pero esta vez sen a presión da imperioso necesidade da vitoria. Grazas a todos os xogadores e corpo técnico e a todo o Obradoirismo.

    16 may 2016 / 21:54
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito