Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ordes presta atención temperá a 160 usuarios

Sete concellos usan o servizo da mancomunidade, que xestiona a unidade dende hai xa tres anos

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, acompañado polos alcaldes de Ordes, José Luis Martínez, e de Frades, Roberto Rey, visitou onte a unidade do Servizo de Atención Temperá da Mancomunidade de Ordes. O ente supramunicipal presta atención dende 2016 e este ano os concellos agrupados nesta unidade son Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Trazo e Tordoia.

O organismo ten como obxectivo apoiar o desenvolvemento infantil e a inclusión sociofamiliar dos nenos e nenas de entre 0 e 6 anos que precisan asistencia ou atención especial. Ao ano, este SAT atende a unha media de 160 casos no municipio ordense.

Conta como persoal técnico con dúas logopedas, así como cunha psicopedagoga e unha psicóloga.

O representante autonómico aproveitou a visita para informar da resolución deste ano na comarca de Santiago que destina máis de 178.000 euros para manter as tres unidades de atención temperá existentes: a agrupación de concellos de Santa Comba e Baña, cunha partida de 17.890 euros; Teo, cunha achega de 45.747 €; e a mancomunidade ordense, cunha subvención de 115.104 euros. As partidas varían en función do persoal e das horas necesarias en cada caso.

Segundo explicaron, as subvencións deste exercicio consolidan na provincia os cinco plans xa existentes nas áreas de Compostela e Barbanza, e financian a posta en marcha de tres novos, a maioría xestionados de maneira compartida por parte de mancomunidades e agrupacións de municipios, nas zonas de Ferrol e A Coruña. En total, na provincia funcionarán, grazas a esta nova convocatoria, oito unidades deste servizo cun investimento total de máis de 442.000 euros.

Por outra banda, engadiu que nos últimos dez anos a rede galega pasou de cubrir quince localidades no ano 2009 a superar as noventa na actualidade.

Ademais, destes organismos que son titularidade das administracións locais, a Comunidade dispón tamén de recursos para esta modalidade nos hospitais públicos e de tres equipos no Deza, no Salnés e en Bergantiños que xestiona a Asociación Galega de Atención Temperá (Agat).

22 jul 2019 / 21:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito