Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 septiembre 2022
02:54
h
{ enlazarte }

Organizar a nosa mente

    ESTA semana collín para ler no avión un libro do neurocientífico Daniel J. Levitin, o autor de Tu cerebro y la música: estudio científico de una obsesión humana, que ven de publicar The Organized Mind: Thinking Straight in the Age of Information Overload (algo así coma A mente organizada: pensar con claridade na era da sobrecarga de información). O libro fala sobre o feito de que no mundo actual estamos a intentar facer máis do que o noso cerebro pode aturar, e sobre a idea da “fatiga de decisión” ou o que é o mesmo, o moito que lle afecta ao cerebro ter que estar tomando decisións constantemente, pois as decisións máis pequenas (do tipo: e que me poño hoxe?) fan que o noso cerebro tamén se canse.
    O caso é que filtrar información, tomar decisións, delegar e ser capaz de desconectar é, cada día que pasa, algo máis complicado. Simplemente tomar a decisión de non contestar ao teléfono se non coñezo o número ou non mirar para o meu e-mail despois das sete da tarde fai que me estrese un pouquichiño, pero recoñezo que se sigo esa disciplina son capaz de durmir mellor, e por iso son capaz de ver as cousas un pouco máis claras. Pero ás veces é imposible, e por iso unha ten que desenvolver plans de choque, aprender a protexerse e aprender a dicir que non.
    Daniel Levitin e Oliver Sacks son os meus dous neurocientíficos de cabeceira á hora de falar, cunha linguaxe accesible, sobre a música e o cerebro e a música no cerebro; pero non recordo que ningún deles falara da imposibilidade de desconexión dalgúns músicos cando tentan escoitar música para desconectar. Teño sempre curiosidade por saber como fai a xente para desestresarse, e a verdade é que o número de persoas ao meu redor que utilizan a música para desconectar é grande; pero por desgraza eu non estou dentro dese número, e cada vez máis, o silencio é o único xeito que teño de calmar a miña mente, pero resúltame case imposible atopar lugares e momentos de silencio no tipo de vida que decidín levar. O máis triste de todo é que é nos avións, con ese ruido branco de fondo, onde atopo esa sensación de silencio. Canto máis viaxo, máis fago. Canto máis queda estou, menos desconecto. É coma unha enfermidade, coma unha adicción.
    Pero hai que aprender a estar queda. A desfrutar do que está a pasar agora. De celebrar os pequenos momentos sen pensar no que tiña que estar facendo. De facerlle un chocolate á miña nai, ou levar a miña irmá Iolanda aos seus lugares favoritos. De coidar das nosas relacións de xeito cualitativo, non cuantitativo.
    Filtrar información, e ter perspectiva para ser capaz de tomar as decisións adecuadas no día a día, é unha tarefa cada vez máis complicada e que require dedicación, pero se somos capaces de facelo, de organizar a nosa mente, probablemente seriamos capaces de ser un chisco máis felices…
    Gaiteira e pianista

    19 feb 2017 / 19:32
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito