Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{ tribuna libre }

O ouro branco

    SE A NOVELA É O REINO da subversión, como afirman reputados estudosos da narratoloxía, non debe asombrarnos que as haxa, e cada vez con máis frecuencia, sen comezo nin fin, sen presentación nin desenlace, tecidas de numerosos fragmentos, tanto narrativos como ensaísticos, e ganduxadas con algunhas  fías de unión: nesta novela (100 % Basque) a identidade vasca, representada polo ouro branco que tacitamente convertía os  vascos do Norte e do Sur en vascos cen por cen. É a verea pola que anda esta novela/ensaio de Itxaro Borda, unha das escritoras más significativas da literatura en euskera en Iparralde, que con esta peza se fixo merecedora do Premio Euskadi de Literatura, principal galardón literario do goberno autonómico vasco. Arestora aparece traducida ao castelán e editada por Meettok.

    Itxaro Barda esculca a esencia da vasquidade  na rota do queixo, chamado ouro branco porque hai anos así aparecía encomiado nos lemas publicitarios. E ao falar de queixo, xorden de xeito espontáneo os rabaños de ovellas e a comparación coas greas humanas. Comportamentos semellantes en moitas ocasións. Como as ovellas que se chimpan unha tras outra ao barranco, nós inmolámonos no altar das ideoloxías e das políticas culturais. Estamos a vivir a mesma evolucións que as ovellas deste século: atenazados polo medo, acudimos en rabaños ao traballo, aos supermercados, ás reunións, carentes, porén, de ideas propias. A autora proxecta a súa ollada en centos de contradicións das que son vítimas os vascos, denuncia o parasitismo cultural e recoñécese herdeira dunha terra cuxa lingua está destinada á desaparición. E admite que non se pode erguer un país  alicerzado na negación nin con cordeiros transformados por identidades impostas. E coa mesma forza e carraxe denuncia a aqueles que chaman universalidade á uniformidade do pensamentos e no país vasco constrúen un tipo de universalidade que menospreza o diálogo e favorece as accións violentas.

    Mais arredor da identidade vasca, cicelada a forza de comer queixo, conviven millentas historias relatadas desde a parodia e a ironía sarcástica. Secasí, relato complexo, apropiado para aqueles lectores capaces de traspasar  os lindes da novela convencional e na que a reflexión sobre o poder psicolóxico do queixo é un bo pretexto para cavilar verbo da identidade dun pobo, as súas negacións e contradicións.

    Crítico literario

    04 may 2013 / 17:27
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito