Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
palabras e parole

Palabras culturais

    O italiano e o galego non soamente son linguas afíns, en canto á súa orixe, senón que ademais posúen un contexto cultural moi semellante. Baseándonos nisto poderiamos pensar que o binomio lingua/cultura está integrado por dúas caras dunha mesma moeda, sen embargo demasiado a miúdo os dicionarios bilingües presentan fortes carencias con respecto á dimensión cultural que, nalgúns contextos, faise particularmente presente porque non só difire senón que incluso pode chegar a ser diverxente.

    Nun dicionario bilingüe como o galego-italiano hai que lle proporcionar ao usuario un equivalente de contido susceptible de ser utilizado no mesmo contexto que coñecemos na nosa lingua. Voces como "requeixo" e "ricotta", consideradas equivalentes absolutos, non o son: Mentres o "requeixo" obtense do queixo fresco ao que se ten extraído o soro, a "ricotta" procede de cocer o devandito soro, que para o queixo desbótase. Tanto o proceso de elaboración como o sabor de ambos tipos de queixos son diferentes, a proximidade débese, fundamentalmente, á súa aparencia abrancazada e manteigosa.

    Como teremos ocasión de comprobar falando da dificultade da tradución entre as linguas semellantes, temos a opción de dicir 'especie de...' Cando sexa posible, pódese engadir a indicación de "aproximadamente". Por exemplo, en contexto italiano, a "pastenula" é aproximadamente a nosa "bertorella" porque se a definimos como "peixe mariño da familia dos gádidos do que existen varias especies, parecido á pescada, coas aletas do ventre en forma de filamento, que habita en fondos areosos e é apreciado pola súa carne delicada" quedamos como estabamos.

    Das varias posibilidades, cal é a mellor? cremos que a opción mellor é facilitar unha explicación o máis concreta e sinxela posible. Por exemplo para a nosa "bica": "torta di farina, uova, zucchero e burro". Para o italiano "risotto", derivado de "riso": "prato de arroz cocido nun caldo e condimentado de diversos xeitos". Parécenos que dese xeito o galego e o italiano quedarán bastante satisfeitos.

    Pero, como teremos ocasión de comprobar, cos exemplos apropiados, aínda poderemos aproximarnos a unha definición máis adecuada: "risotto ai funghi" (con cogomelos), "risotto coi carciofi" (con alcachofas) ou "risotto ai frutti di mare"(con marisco).

    Entradas como esta son exemplo da aplicación de solucións intermedias, baseadas na frecuencia e na proximidade de significado, aínda que obviamente supoñen unha perda de información, pola identificación directa entre elementos case que análogos. Como xa temos subliñado moitas veces, trátase, en todo caso, de proporcionar a información necesaria para comprender o significado do termo utilizando unha explicación ben precisa, que reduza a ambigüidade.

    Catedrática Filoloxía Italiana da USC

    11 mar 2017 / 20:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito