Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Os parados maiores de 18 anos que queiran participar no obradoiro Ulla-Umia IV deben anotarse na oficina de emprego de Vilagarcía

A Xunta aprobou unha aportación económica de 336.446 euros para desenvolver este proxecto formativo // Os aprendices percibirán o salario mínimo e realizarán obras de interese público no edificio administrativo, pavillón de Beiro e en zonas verdes do municipio

    A Xunta de Galicia aprobou a concesión dunha axuda de 336.446 euros aos concellos de Valga e Moraña para a posta en marcha do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV, no que poderán participar un total de vinte persoas desempregadas de ambos municipios durante un período de nove meses.

    Os requisitos para tomar parte neste proxecto formativo son: estar desempregado e ter máis de 18 anos, aínda que terán prioridade os maiores de 45. As persoas interesadas teñen que acudir á oficina do Servizo Público de Emprego (SEPE) de Vilagarcía para anotarse nun dos dous módulos dos que constará o obradoiro: albanelería e forestais.

    Aínda que non hai un prazo establecido para formalizar este trámite, o Servizo de Orientación Laboral do Concello recomenda realizalo canto antes xa que o Servizo Público de Emprego pode pechar as listas en calquera momento e sen previo aviso. As persoas anotadas participarán despois nun proceso de selección que constará de varias entrevistas e do que sairán os vinte alumnos do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV. Terán preferencia os desempregados empadroados nos dous concellos promotores, Valga e Moraña.

    Para máis información sobre como anotarse para entrar no proceso selectivo, poden dirixirse ao Servizo de Información e Orientación Laboral do Concello.

    O obradoiro Ulla-Umia IV conta cun orzamento total de 396.446 euros, dos que 336.446 serán aportados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e os restantes 60.000 serán financiados polos concellos. As vinte persoas participantes percibirán o salario mínimo interprofesional durante os nove meses de duración do obradoiro, no que recibirán formación teórica e práctica nas especialidades de albanelería e acondicionamento forestal. Ó obxectivo é favorecer a cualificación profesional do alumnado e incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral.

    Ademais de formarse, os aprendices realizarán obras de interese público que, no caso de Valga, serán: a continuación dos traballos no edificio de usos administrativos e no pavillón municipal de Beiro, a mellora de tramos do Camiño Portugués mediante desbroces, limpezas, podas ou plantacións e o acondicionamento forestal de diversas zonas verdes como o Miradoiro de Beiro, Mina Mercedes ou a área fluvial de Vilarello.

    03 oct 2019 / 00:26
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito