Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O parón das térmicas rebaixará ata un 25% os gases invernadoiro

O 2019 podería ser o de menores emisións de CO2 desde 1990 en Galicia // As Pontes e Meirama emitían ata un terzo do total

    Dúas empresas radicadas en Galicia, ambas as dúas centrais eléctricas, atópanse entre as dez máis contaminantes de España e son responsables, elas soas, dun terzo das emisións de efecto invernadoiro da comunidade. Son as térmicas das Pontes, propiedade de Endesa, e a de Meirama, de Naturgy. O problema radica no uso de carbón para xerar electricidade e a súa emisión á atmósfera de CO2 (dióxido de carbono), un dos máis prexudiciais para o medio.

    Os últimos datos oficiais que se poden consultar, do inventario español de gases de efecto invernadoiro (GEI), do Ministerio para a Transición Ecolóxica, son de 2017. Falta por saber os do ano pasado, aínda que se espera que sexan similares, e os do actual, que remata en breve. De feito, este 2019, según os expertos consultados por este diario, "podería ser o de menores emisións de CO2 desde 1990", inicio da serie histórica que se pode consultar. Así, o parón das dúas térmicas citadas fará, con toda probabilidade, que se rebaixen xa arredor dun 25 %. Un obxectivo que a Xunta marcou para o 2030 na súa Estratexia galega de Cambio Climático e Enerxía (EGCCE), "unha resposta serodia e insuficiente ao urxente desafío climático", denuncian desde a Plataforma Galicia, un futuro sen carbón.

    Xosé Veiras, biólogo e un dos seus voceiros, indica que Galicia está sempre na lista das comunidades autónomas máis emisoras destes gases, precisamente, por estas dúas plantas. "É así porque se distingue pola presenza de industrias moi intensivas nestas emisións, especialmente as centrais térmicas de cabón de Meirama e As Pontes. Elas son as responsables dun terzo destas emisións en Galicia", asegura, engadindo que "hai poucos territorios en toda Europa" con esta porcentaxe debido á "combustión de carbón para xerar electricidade".

    Polos datos oficiais de 2017, en Galicia o 34,7% do total de emisións de gases de efecto invernadoiro corresponden ás térmicas de carbón; o 6,1%, a outras industrias enerxéticas (como as de ciclo combinado de gas natural e a refinería de Repsol na Coruña); o 18%, ao transporte de persoas e de mercadorías; o 14%, á industria non enerxética; un 11,2%, ao consumo de enerxía en fogares, comercios, edificios institucionais, maquinaria agrícola e flota pesqueira; un 11,1%, a agricultura e gandeiría (sobre todo pola emisión de gas metano), e o restante 2,6%, a outros.


    Principais gases. Fálase moito dos gases que provocan o efecto invernadoiro pero ás veces non se sabe cales son. Os máis importantes son o dióxido de carbono (CO2), asociado ao uso de combuistibles fósiles como é o carbón; o metano (CH4) e o óxido nitroso (N2O), asociados principalmente a agricultura e gandeiría, e os gases fluorados, a procesos industriais como a produción dealuminio, pero con un peso moito menor para a contaminación e máis fácil de controlar, indica Veiras.

    Este biólogo indica que no Cumio sobre o Clima que se celebra en Madrid deberíase de avanzar na implementación do Acordo de París do 2015, pero "non esperamos nada importante dela. Despois de 25 cumios as emisión seguen a subir, auemntando a temperatura media global e con alertas da comunidade científica..", se lamenta.

    Crise climática. Con motivo do Cumio do Clima que se está a celebrar en Madrid, baixo a presidencia de Chile, a Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) lanzou un comunicado de prensa a finais de novembro falando de "novo récord sen precedentes" nos niveis dos gases de efecto invernadoiro.

    O boletín da OMM mostra que a concentración media mundial de dióxido de carbono -que permanece na atmosfera durante séculos e aínda máis tempo nos océanos- alcanzou as 407,8 partes por millón (ppm) en 2018, tras ser de 405,5 ppm en 2017. Este incremento situouse xusto por encima da media do último decenio. Pola súa banda, as concentracións de metano e óxido nitroso disparáronse e ascenderon en maiores cantidades que durante o últimos dez anos. "Cabe lembrar que a última vez que se deu na Terra unha concentración de CO2 comparable, foi fai entre 3 e 5 millóns de anos. Nese entón, a temperatura era de 2 a 3 ° C máis cálida e o nivel do mar entre 10 e 20 metros superior ao actual", explica un voceiro da OMM.

    As principais conclusións indican que a concentración do dióxido de carbono alcanzou un novo máximo en 2018 ou, o que é o mesmo, o 147% do nivel preindustrial en 1750. O metano tamén alcanzou o máximo, 1.869 partes por mil millóns (ppb), e se sitúa no 259 % do nivel preindustrial. O seu incremento de 2017 a 2018 foi maior que o observado de 2016 a 2017 e que a media do último decenio. E finalmente, o óxido nitroso, cuxa concentración foi de 331,1 partes por mil millóns, o que equivale ao 123% dos niveis preindustriales. Este gas tamén contribúe significativamente á destrución da capa de ozono estratosférico, que nos protexe dos raios ultravioleta nocivos do Sol.

    Xosé Veiras

    plataf. galicia, un futuro sen carbón

    "Hai poucos territorios en Europa nos que un terzo das emisións sexan pola combustión de carbón para xerar electricidade"

    "Habería que dar unha viraxe radical se queremos ter algunha posibilidade, achegámonos a un punto de non retorno"

    06 dic 2019 / 21:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito