Santiago
+15° C
Actualizado
domingo, 05 diciembre 2021
12:11
h
ELOS DE LECTURA

Pechando a caixiña dos rancores

A calidade literaria a que nos ten acostumados Héctor Cajaraville (Santiago de Compostela, 1974) é incuestionable desde o seu bautismo na Literatura galega. En A caixiña dos rancores (Vidas cruzadas) (Xerais, 2016), Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil 2015, achégase con doses de intriga e suspense a unha temática de actualidade nos medios de comunicación e que non tiña sido tratada na Literatura Infantil e Xuvenil galega: o roubo de bebés en centros médicos rexentados por relixiosas na época franquista. Crea unha trama interesante e verosímil que atrapa ao lector desde o principio e que se constrúe acertadamente na relación interxeracional dos protagonistas cun importante vínculo afectivo, baseado no respecto e o agarimo fóra de prexuízos e convencionalismos.

Protagonizada por Estevo, un rapaz que por mandato dunha sentenza exemplar da xuíza de menores debe atender e acompañar durante todo o verán a Chiruca por tela atropelado accidentalmente coa súa moto. Chiruca, unha vella que está de volta da vida, aproveita intelixentemente esas visitas para falar e conversar da súa historia de vida e certos detalles farán que Estevo comece unha investigación na que el e a súa intelixente moza Paula se moverán con habelencia por distintos escenarios para ir tirando do fío da descuberta que os levará a atopar a filla de Chiruca que ela pensaba morta, tal como lle dixeran no hospital ao parir. Mais Chiruca demostrará que a experiencia e sapiencia dos vellos non ten espazo na súa caixiña dos sentimentos para o rancor e sí para o amor e as segundas oportunidades, como se anticipa desde a imaxe da cuberta na que se reproduce un corazón.

A novela con trazos de detectivesca salienta pola lectura áxil, fluída e trepidante na que teñen cabida a transcrición das conversas propia entre os rapaces vía whatsapp, coa súa xerga específica, e na que recenden temas como a soidade dos anciáns, as inxustizas infrinxidas sobre as nais solteiras ou soas, os abusos dos poderosos sobre os humildes e o acto de arrepentimento. É de destacar o personaxe de Chiruca, quen amosa unha personalidade peculiar e que, malia ser vítima dunha vida dura, non escapa á retranca propia galega, configurándose como retrato dunha xeración que padeceu e sufriu pola súa condición social e que ensina ao lector con moita sabiduría que hai que pechar esa caixiña dos rancores que se vai enchendo co paso da vida. verinesa@yahoo.es

Míster Magnolia, relato enérxico para lectores curiosos

A editorial Kalandraka editou en outubro de 2016 na súa colección "Tras os Montes" o libro Míster Magnolia, unha obra publicada orixinariamente por Jonathan Cape no Reino Unido en 1980 e coa que o debuxante británico Quentin Blake (Sipcup, Reino Unido, 1932) gañou nese mesmo ano a medalla Kate Greenaway, así como outros galardóns posteriormente. Blake, coñecido especialmente por ser o ilustrador de cabeceira de Roald Dahl, amosa en traballos coma este a súa capacidade para combinar as funcións de escritor e ilustrador.

Presenta a Míster Magnolia como un simpático personaxe ao que lle falta a bota do pé dereito. A historia, rimada e de ritmo acumulativo, capta o interese dos lectores máis novos desde o primeiro momento facéndoos partícipes dunha enumeración do un ao dez por aquelas cousas que si ten Míster Magnolia: "unha trompeta", "dúas irmás", "tres batracios"... ao mesmo tempo que estimula a súa curiosidade polo pé que segue descalzo.

Esta obra de Quentin Blake, traducida por Miguel Azaola, xoga coa repetición de estruturas narrativas, pero faino dun xeito áxil e fresco onde as frases sinxelas e curtas conxugan especialmente ben coa xestualidade do seu trazo. O texto e as imaxes traballan en sintonía enfatizando a atmosfera enérxica e disparatada da historia.

A expresividade das imaxes ás que Quentin Blake nos ten acostumados non merma non obstante a súa capacidade descritiva. O seu proceso de traballo presta especial coidado á composición e insiste nunha planificación detallada das escenas. Isto fai que as súas ilustracións animen tamén os ollos máis observadores a unha ollada pausada a través da cal descubrir infinidade de detalles que complementan o relato (pequenos obxectos, texturas, estampados...). A través da combinación do trazo solto e pretendidamente imperfecto da tinta, a transparencia e frescura proporcionada pola acuarela e o emprego enérxico e naïf do lapis de cor é como Blake consegue acentuar o dinamismo da historia sen desaproveitar as posibilidades narrativas da imaxe.

Míster Magnolia na presente edición conseguirá divertir novamente aos seus pequenos lectores, activar os seus ollos curiosos e contaxialos do gusto pola lectura. olalla. cortizas@usc.es

Censura e poder, a súa influencia na LIX

A finais do ano 2016, froito dun interesante proxecto de investigación, a Universidade de Castilla La Mancha publicou Censuras y LIJ en el siglo XX (En España y 7 países latinoamericanos) na colección “Estudios”, coordinada polos recoñecidos investigadores que centraron parte das súas pesquisas na Literatura Infantil e Xuvenil, lectura, promoción lectora, educación literaria desde distintos xéneros. Trátase dunha interesante monografia, necesaria pola pouca dedicación que se lle deu á censura exercida sobre a LIX, que se pode seguir non só polos libros publicados senón polas lecturas que se recomendaban e as que se excluían, censura que a finais do século XX e no século XXI se fai desde outras institucións.
Nos capítulos introductorios fálase de “Literatura e poder” e “El concepto de Censura. Las censuras en la LIJ”, reflexións realizadas polos coordinadores que fan ver precisamente cómo o poder se preocupa por dar a ler aquelas obras que lles interesa, pois como dixo Itamar-Even-Zohar, todo goberno que se prece se dota dunha literatura que o sirva, dotación que pode ser moi reductora desde o punto de vista da libertade. Séguenlles artigos que se centran na censura na España franquista, realizados por investigadores que fan un amplo percorrido sobre como a LIX se viu mermada desde a propia creación e desde as seleccións ofrecidas aos mediadores, pero tamén como foi sorteada por intelectuais que desexaban unha España plural. Logo reprodúcense outros traballos que falan da censura en sete países latinoamericanos. En todos eles, non só se fan percorridos históricos dos libros autóctonos e dos traducidos, tanto dos permitidos como dos prohibidos, senón que tamén se deteñen nas censuras soterradas, con apartados específicos sobre os tebeos, bandas deseñadas e teatro, en xeral.
Proporciona moita información sobre un feito que retardou a consolidación da LIX nas linguas de España e privou a moitos cidadáns de lecturas imprescindibles para construir o seu imaxinario. Moi necesaria dada a pouca bibliografía que existe sobre o tema. Compleméntase con Literatura y poder. Las censuras en la LIJ (Universidade de Castilla la Mancha/CEPLI), coordinada por Ángel Luis Lujan e César Sánchez Ortiz, na que se ofrecen os textos da exposición dunha selección de obras censuradas durante o franquismo e nos tempos actuais, en España e noutros países. Sobre cada unha delas, realízanse breves recensións para explicar as razóns da censura. blanca. roig@usc.es

11 sep 2017 / 11:06
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito