Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Bágoas de crocodilo

Penedos y croyos

    No meu bacharelato, pasabamos media vida facendo redaccións. As redaccións constituían un exercicio escolar altamente recomendable, pois, sobre a arquitectura sintáctica, practicábase unha ximnasia intelectual que incorporaba tamén a creatividade. Ademais, as redaccións eran, por usar da terminoloxía actual, dunha extraordinaria troncalidade: faciamos redaccións en relixión e historia sagrada (lembro, por exemplo, El mes de María o El éxodo del pueblo de Israel); en lingua española (Las vacaciones de verano; La navidad); en Formación del Espíritu Nacional (Efemérides del mes de octubre; El discurso de José Antonio en el Teatro de la Comedia). Un profesor de ciencias naturais, mozo el, que aínda non estrelara contra a burramia colectiva dos seus pupilos as ínfulas dunha licenciatura recentísima, tivo a ocorrencia de nos encargar unha redacción que levaba por título: Viaje al centro de la tierra. Ao pouco, e en ocasión de render oralmente o froito do noso coñecemento xeolóxico perante o resto dos compañeiros, un brutarate da parte da Ulla, tan grande como boa persoa, leu o seu exercicio. Comezaba: "En mi viaje al centro de la tierra encontré penedos y croyos de diversas clases".

    Hoxe, a permanente interacción dos rapaces con máquinas omnipotentes en alianza cun ensino patoloxicamente obsesionado pola mera adquisición acrítica de contidos teóricos ten conducido, na miña opinión, a un descenso alarmante na calidade da escrita, claramente relacionado cun descenso, aínda máis alarmante, na calidade do pensamento. De que serve dedicar un tema a describir os conectores cando, logo, o alumno non sabe aplicalos na práctica? Non sería, tal vez, máis positivo inverter o proceso? Dou fe de que meus fillos adican horas a contidos dos que eu tiven coñecemento só na carreira. Tras chapar a prosa medieval galega, e devolverme con relativa eficiencia os conceptos previamente deglutidos, tomo a molestia de preguntarlle ao rapaz: "Ti sabes o que quere dicir haxiográfico?", ao que me resposta que non, porque iso non llelo explicaron. Sendo isto malo, o peor é que o sistema educativo non estimula a curiosidade do saber, máis ben, en troques, a anula substituíndoa por unha adquisición conceptual, tan cega como epidérmica. Pregúntome se, con toda a artillaría tecnolóxica e o abigarramento dos libros de texto de que dispón, un rapaz contemporáneo sería capaz de imaxinar, nunha hipotética viaxe ao centro da terra, penedos y croyos de diversas clases.

    ESCRITOR E EDITOR 

    24 may 2013 / 22:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito