Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pérez-Barreiro: versos dun ferrolán na BBC

Espiral Maior rescata os seus ‘Poemas do Carricanto’, grazas a Armando Requeixo

Aos micrófonos da BBC asomábase Fernando Pérez-Barreiro Nolla para emitir en galego, desde 1963 ata 1969. Este xornalista, tradutor, profesor universitario en Londres e avogado tamén levou durante medio século unha máis descoñecida faceta de poeta. Os seus versos inéditos recopílanse agora nos Poemas do Carricanto, editados por Espiral Maior (colección Opera Omnia) grazas á labor do crítico Armando Requeixo e do xornalista Nicolás Vidal.
O poemario, presentado onte en Ferrol, amosa “asúa faciana máis descoñecida”. O autor (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010) iniciouse nos versos na revista Aturuxo, e sempre gardou as súas creacións en follas soltas ou cadernos. Os Poemas do Carricanto recollen a súa lírica desde os anos 50 ata principios do século XXI. E moitos amosan o amor pola súa compañeira, a escritora Teresa Barro coa que fundou o Grupo de Traballo Galego en Londres.
A obra complétase con fotos das viaxes de Pérez-Barreiro (New York, Beijing, o Tirol). Como recorda Requeixo, “era un auténtico cosmopolita, falaba en 12 idiomas, un home do mundo no mellor sentido da palabra” . Amósase nas súas influenzas: de Dylan Thomas aos haikus.
Xa na BBC, especializouse “na proxección da Galicia internacional”. Armando Requeixo insiste na súa categoría de intelectual da diáspora: “Físicamente nun espazo e mentalmente noutro”. E recupera unhas verbas de Castelao: “Era un galego químicamente puro: infusible ao soplete e inatacable polos ácidos”.

31 ene 2018 / 19:16
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito