Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Pesar polo pasamento do escritor Xabier P. Docampo

Autor de obras tan coñecidas como O misterio das badaladas ou A chave das noces, tiña 72 anos de idade

O escritor Xabier P. Docampo, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e un dos grandes renovadores da literatura destinada a estas idades, faleceu esta madrugada aos 72 anos de idade, segundo confirmaron a Europa Press fontes municipais de Cambre (A Coruña), municipio onde traballou no CEIP Emilio González López.

Nacido en Rábade (Lugo) en 1946, compaxinou a docencia coa súa faceta de escritor, actor de teatro, guionista e promotor da lingua e a cultura galegas.

En 1995, obtivo o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por 'Cando petan na porta pola noite', libro de contos sobre o tema do medo, cunha importante influencia da tradición oral. Tamén foi merecedor do White Ravens en 1997 e 2005.

En 1986 xa publicara o seu primeiro libro, 'O misterio das Badaladas', que tivo moito éxito entre os mozos lectores. Ese mesmo ano publicou 'Cun ollo aberto e outro sen pechar', libro de relatos breves para nenos.

Outras das súas obras son 'Bolboretas', 'A chave das noces', 'Catro cartas' ou 'A casa da luz' e tamén cultivou a narrativa, con 'O libro das viaxes imaxinarias'. Precisamente, a súa última novela foi 'A meniña do abrigo de astracán'.

RENOVACIÓN PEDAGÓXICA
O labor que levou a cabo no ámbito pedagóxico intégrase na denominada 'Nova Escola Galega'. Sempre vinculado á renovación pedagóxica, foi coautor de distintos libros e materiais para a aprendizaxe da lingua galega, durante oito anos formou parte do equipo de 'Preescolar na casa' e pertenceu ao consello de redacción da Revista Galega de Educación.

Así mesmo, participou activamente na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, de cuxa xunta directiva formou parte durante cinco anos, dous deles como presidente. Tamén pertenceu ao consello de redacción da Revista Galega de Educación.

Compañeiros das letras galegas xa trasladaron a súa pésame polo seu falecemento a través de Twitter, onde expresaron as súas condolencias escritores como Ledicia Costas, Henrique Rabuñal ou Pedro Feijoo, entre outros.

26 jun 2018 / 11:35
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito