Santiago
+15° C
Actualizado
viernes, 30 septiembre 2022
08:56
h
{ enlazarte }

Peticións ós Reis Magos

    QUERO compartir con vos a listaxe de desexos da miña carta aos Reis Magos. Este ano pedínlle paciencia, moita paciencia, para poder lidar co día a día, para saber poñer boa cara ao mal tempo e para aguantar os inevitables chaparróns das nosas mini realidades. Pedínlle tamén a capacidade de adaptación aos tempos que corren, ás novas metas, e a un imperante desexo de cambiar de aires.
    Como por pedir que non quede, pois tamén pedín algo de forza e resistencia para ser capaz de oír aos lobos antes de que ataquen e para estar preparada para sobrevivir cando o ataque é inevitable. E empatía e compaixón, porque poñerse no lugar do outro non sempre é doado, especialmente cando falamos dos outros como se foran lobos (mea culpa); e porque poñerse nos pes doutra persoa apórtanos humanidade, respeto e valores inexplicables sobre a condición humana.
    Tamén lle pedín autocontrol, pois se somos capaces de controlar os nosos impulsos máis mesquiños e negativos quizais o mundo sería un lugar mellor. Aínda que neste caso era unha demanda egoísta: a comida segue a provocar un efecto animal en mín, e a procrastinación é unha tentación que é casi imposible de evitar.
    Ah! E disciplina, e coraxe para afrontar todo o que decida afrontar. E perseverancia para non perder as ganas no difícil camiño de tentar facer realidade os soños de facer do mundo un lugar mellor….
    E o meu desexo material desta carta foi unha brúxula. Para poder recordarme quen son, e de onde veño, e onde carallo está o norte. Hai algúns anos que perdín a miña, e aínda que ir a procura do norte tróuxome moitos e moi bos frutos, cos anos unha intenta non ter que dar tantas voltas para chegar ao lugar que quere. E iso non sempre é doado.
    Dentro da categoría de desexos materiais, pois tamén lle pedín unhas nabizas, e un lacón, e algo de polbo, pois aquí en Nova York non é tan doado de conseguir, e creo que os Reis Magos teñen valixa diplomática.
    E por último pedínlle humor. E a capacidade de rir ante a adversidade. E a positividade para ver o mellor da xente, e de min mesma.
    As veces ser optimista cansa máis que deixarse levar pola negatividade das desgrazas do día a día. Si, hai moito polo que estar triste e contrariada, pero seguro que se miro ben adentro atopo moito máis polo que estar contenta e agradecida, e é esa a sensación que preciso para levantar a fronte e seguir soñando para manter as ilusións vivas e as metas claras, e ir collendo forza no camiño cara ese norte que non sei (sabemos) nin onde está.
    Gaiteira e pianista

    08 ene 2017 / 18:46
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito