Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
{tribuna libre}

Philip Roth

    O pasado 6 de xuño Philip Roth foi elixido Premio Príncipe de Asturias 2012 das Letras. Unha inestimable nova, sen dúbida, para os amantes da narrativa de calidade. Porque Philip Roth (Newark,1933), coñecido nomeadamente pola súa "Triloxía americana" da que forman parte as novelas American Pastoral, coa que ademais obtivo o Premio Pulitzer, I Married a Communist e The Human Stain, é un dos grandes narradores norteamericanos vivos. Así o considera Harold Bloom que o inclúe nunha nómina da que forman parte Thomas Pynchon, Don DeLillo e Cormac MacCarthy, á que eu modestamente engadiría o nome de E.L. Doctorow.

    Porén, en España a novela que o empoleirou no altar da fama foi Portnoy's Complaint, traducida por Seix Barral no ano 2007 co título El mal de Portnoy. Que eu saiba, ningunha das novelas de Roth están vertidas á lingua de noso. Outra mostra da valoración coa que Philip Roth é lido en todo o mundo, foi o resultado dunha enquisa realizada en 2006 por The New York Times Book Review: un cento de escritores, críticos, editores e estudosos da literatura escolleron os mellores vinte e dous libros e entre eles, seis novelas de Roth. No ensaio que acompañaba á enquisa, o crítico A. O. Scott afirmaba:"Se tivésemos buscado o mellor escritor dos últimos vinte e cinco anos, el (Roth) sería o gañador".

    Philip Roth soubo reflectir como ninguén os problemas da asimilación e da identidade dos xudeus nos EEUU e rastrea asemade a natureza das pulsións sexuais e da autocomprensión, temas cos que nos agasalla botando man das súas armas predilectas: o monólogo interior, o humor sutil e unha sorte de enerxía histérica, vencellada por veces cos seus heroes e co mesmo narrador, como acontece en El mal de Portnoy.

    O personaxe que con máis asiduidade aparece nas novelas de Philip Roth é Nathan Zuckerman, un alter ego se cadra de Roth, que pescuda os problemas do narrador, así como certas trazas traxicómicas da asimilación dos xudeus non EE.UU. Como xa quedou dito, as editoras galegas semellan ter ignorado a obra narrativa de Philip Roth. Xa que logo, se queremos ler algunha das obras mestras do novo Premio Príncipe de Asturias das Letras, teremos que acudir ás traducións en castelán publicadas por Seix Barral. Mondadori e Alfaguara. Unha verdadeira mágoa!

    22 jun 2012 / 21:56
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito