Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Piñeiro busca axudas para rehabilitar a Casa da Cadea

Quere salvar da ruína o antigo cárcere da Pobra e as vellas naves de salazón do Areal

O presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, reuniuse co alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e coa concelleira de Cultura da localidade, Patricia Lojo, cos que abordou diversos asuntos relativos á colaboración entre ambas administracións.

O rexedor solicitou a colaboración da institución provincial para abordar o proxecto de adquisición e rehabilitación da denominada Casa da Cadea, un edificio do século XVIII onde se ubicada o antigo cárcere da vila, do que só se conservan na actualidade os muros de carga perimetrais e a fachada de cantería.

Segundo explicou, a idea do goberno local é rehabilitar e adicar a usos culturais, entre eles o de biblioteca pública, este inmoble que forma parte do patrimonio histórico da vila e que, polo seu estado de ruína e perigo de desaparición, foi incluído o pasado mes de outubro na Lista Roja de Hispania Nostra, a delegación española da prestixiosa institución da Unesco.

Asimesmo, solicitou tamén apoio económico para levar a cabo outro gran proxecto de recuperación patrimonial: a rehabilitación das naves dos Arcos, no Barrio dos Cataláns, testemuñas do pasado industrial da zona.

O executivo pobrense traballa nun plan para a recuperación integral das antigas naves de salazón do Paseo do Areal, algunhas nun estado de deterioro importante, co obxectivo de poñelas en valor e adicalas a usos públicos.

Pola súa banda, González Formoso afirmou que se trata de dúas iniciativas ambiciosas, que requerirán dun investimento importante para a súa execución, e comprometeuse a estudar posibles vías de colaboración para materializalas.

Amosou tamén o seu interese en visitar persoalmente ambos os dous enclaves nunha próxima visita institucional ao concello.

Durante a reunión abordouse tamén a necesidade de acometer melloras nas estradas provinciais DP-6703 (Camiño Ancho) e DP-6702 (Aldea Vella), así como a posibilidade de transferir á Deputación a titularidade da prolongación da DP-6705 que sube ao monte da Curota, mentres que a administración local asumiría o tramo urbano da DP-6703.

28 nov 2019 / 21:21
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito