Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Poesía / literatura en galego

    Espiral Maior publica o primeiro e gran poemario de Dores Tembrás, 'O pouso do fume'

    Non por casualidade cita Teresa Seara a Antonio Gamoneda no prólogo deste poemario, O pouso de fume, que acaba de publicar Espiral Maior. Gamoneda, en efecto, poeta de referencia de moitos escritores novos, a pesar da súa idade, é un construtor habitual de territorios de escuridade, cinza e lume, á vez que a noite lle rodea de néboas e de neve. Dores Tembrás parece vivir en similares habitacións poéticas, se consideramos este libro, o seu primeiro libro de poemas publicado. A mirada cara ao pasado, a presenza da infancia, tenra e dura ao mesmo tempo, abunda nestes versos extraordinarios, nos que se suxire máis que se di, nos que o fume, a cinza e o tisne parecen ser as marcas fundamentais da memoria. A atmosfera desta terra de choivas e escuridades abraza estes breves poemas: latexa con forza o sentimento do galaico, a terra, o leite, a auga, o toxo, as vacas, o pan, os lobos, a manteiga, o lume, a propia choiva, esas cousas que tamén adoitaban aflorar na escrita de Seamus Heaney. O libro, profundamente serio, é libro de frío, como tamén diría Gamoneda. E é libro de asombrosa grandeza. Non creo equivocarme si afirmo que estamos ante unha desas voces poéticas que só aparecen, con moita sorte, cada vinte ou trinta anos. Marabilloso libro. Espléndido futuro./ J. Miguel A. Giráldez

     

    Dores Tembrás. 'O pouso do fume'

    Ed. Espiral Maior, 2009. 78 páginas. 14 €

    03 ene 2010 / 00:08
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito