Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

O poeta Arcadio López-Casanova, novo membro honorario da RAG

O tamén investigador centrou o seu discurso na obra de Rosalía ‘Follas novas’

Santiago. O poeta e investigador lucense Arcadio López-Casanova ingresou onte como membro honorario na Real Academia Galega (RAG). Unha elección que o propio académico considerou un “recoñecemento” ao seu “case medio século” de tarefa, na que abordou as distintas personalidades poéticas da historia da literatura galega.

Más información en El Correo Gallego (edición papel) y Orbyt

O poeta, profesor, crítico e tradutor Arcadio López Casanova (Lugo, 1942) comezou a súa alocución, indica a propia RAG, sinalando o carácter dual da obra rosaliana: de signo socio-antropolóxica en Cantares Gallegos –sostida nos alicerces da lingua, a Terra e o pobo- e asociativa en Follas Novas. Sobre esta segunda concepción aséntase,segundo a tese de López Casanova, a poética da modernidade en Rosalía de Castro, contemporánea de Baudelaire, que anticipa trinta anos o modernismo español, catalán e portugués, e está situada no cerne da obra que han escribir, contra os anos trinta do século XX, a Xeración da Vangarda galega, os Manuel Antonio, Amado Carballo e Bouza Brey entre outros.

No acto de ingreso estiveron presentes, entre outras figuras da cultura galega, o director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o membro do Consello Consultivo, Gonzalo de la Huerga; o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez Iglesias; o do PEN Club Galicia, Luís Fernández Tosar, ademais de numerosos membros de número e correspondentes da Academia.

Para Arcadio López Casanova, a modernidade de Follas Novas amósase en varios dos seus trazos estilo. Desde o propio suxeito poético, que racha coa anterior concepción romántico-sentimental, unitaria e monolóxica do mesmo, para se tornar polifónico, descontinuo, esvaecido, en sintonía coa "poética da impersonalidade" de Pound ou Eliot; ata o uso novísimo do simbolismo concibido como presenza "do infinito no finito", que se desenvolve en varias modalidades. Unhas veces este simbolismo é de natureza actorial, como no caso do poema "Negra sombra" onde este elemento é cifra da morte; outras, escénico, como no poema que empeza "Dende aquí vexo un camiño" ou "Estranxeira na súa terra", no que a propia paisaxe devén protagonista do poema. López Casanova salientou tamén o uso que Rosalía fai do mito na peza "O encanto da pedra chan", estruturado en tres partes ao xeito dun rito de pasaxe, coas sucesivas estación de partida, viaxe iniciática e regreso final, transformado o suxeito lírico, á terra natal. O novo membro de honra da Academia púxolle o colofón á súa intervención co recitado dun poema inédito dedicado á poeta do Sar titulado "Rosalía xunto ó mar de Carril".

Na súa resposta, o presidente da Academia Alonso Montero gabou, ademais dos méritos literarios, as valiosas achegas de López Casanova ao eido da interpretación e crítica de textos literarios. No que se refire ao labor creativo do novo membro de honra da Academia, Alonso Montero evocou a fonda pegada que a obra dramáticaOrestes(1961) deixara na Compostela universitaria dos anos sesenta: "un texto que confería ao noso idioma a nobreza dos clásicos [e que...] tivo que suscitar lecturas políticas sobre a opresión de Argos". Así como a publicación dePalabra de honoren 1967, onde Arcadio López Casanova introducía a materia da Guerra Civil en versos como os seguintes:

guerras, fusilamentos, campos
de concentración i algo máis
que calo por obriga.

Alonso Montero rematou a súa intervención ilustrando a importancia do labor como crítico e comentarista de textos literarios de López Casanova en libros como oDiccionario metodolóxico de análise literaria. I. A poesía. Textos líricos galegos da Idade Media ós nosos días, no que o novo académico deita unha luz nova e esclarecedora sobre un extenso monllo de pezas literarias que abranguen desde a nosa lírica medieval, ata os clásicos do século XX.

09 nov 2013 / 20:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito