Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Portos destina case 42.000 euros a asfaltar a avenida de García Bayón

Ca agardada actuación compleméntase a obra de reforma da fachada marítima urbana

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, veñen de asinar un convenio de colaboración que permitirá a execución dunha obra que sirve como complemento a outras dúas intervencións sobre a fachada marítima da cidade, como son a executada remodelación da avenida do Malecón e a reforma do Paseo das Carolinas, actualmente en proceso de contratación.

A devandita actuación consiste na pavimentación da avenida de Carlos García Bayón, o tramo de vía situado entre a rotonda das Amas de Casa (dende donde se accede á zona portuaria) e a de Padín. Contará cun investimento de 41.796 euros, que serán financiados con cargo ao orzamento de dito organismo para o presente exercicio de 2019.

O mandatario local expresou o seu agradecemento polo anuncio destes traballos e amosou o seu desexo de que sexa "o primeiro de moitísimos convenios" nesta nova etapa, respecto da que afirmou que dende o goberno local que el preside se percibe "unha mellor comunicación do ente autonómico cos sectores pesqueiro e marisqueiro" e que se están a dar pasos en moitas das súas demandas.

Logo da signatura do acordo, o rexedor ribeirense e a representante de dito organismo acudiron á lonxa da localidade e visitaron as instalacións acompañados do xerente do complexo, Fernando Carreira, e do patrón maior da confraría de Ribeira, José Antonio Pérez Sieira, entre outros.

A de onte era a primeira visita institucional de Susana Lenguas ó municipio, no que xa estivo, sen embargo, fai unhas semanas de xeito non oficial.

06 nov 2019 / 21:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito