Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Preparar a obtención do Celga 4, posible a golpe dun só clic

O conselleiro de Cultura presentou onte unha nova plataforma de teleformación en galego

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, e a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira Álvarez, presentaron onte o novo curso en liña preparatorio para a obtención do certificado de lingua galega Celga 4, que este ano realizarán por primeira vez a través da rede un total de 420 persoas.

O sistema de acreditación da lingua galega Celga incorpora así no seu nivel 4 a modalidade de teleformación. Cómpre lembrar que xa funciona a modalidade en liña para o Celga 1, que cursarán 150 persoas, ao igual que o ano pasado.

Xunto ao conselleiro e a directora da Amtega, participaron na rolda de prensa o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o secretario xeral da Emigación, Antonio Rodríguez Miranda.

Rodríguez salientou o éxito desta iniciativa, que fai extensiva esta formación en lingua galega tanto á Galicia territorial como á exterior, ademais de universalizar a posibilidade de aprender a nosa lingua propia mediante esta vía. Polo tanto, os obxectivos desta medida son darlle resposta ás demandas da cidadanía e contribuír á cohesión territorial e social. Ademais, facilítase con el a conciliación dos estudos de lingua galega co emprego ou con cursar unha carreira universitaria, por exemplo.

O conselleiro explicou que, grazas a esta ferramenta, o número de persoas que se formarán para o Celga 4 elevouse a case 600, das que só 175 o farán de xeito presencial. "Está claro que a demanda era moi alta, porque é un nivel que capacita para usar o galego con fluidez e espontaneidade en practicamente calquera contexto comunicativo, sexa persoal, público ou académico", dixo.

formación online

•••Mar Pereira destacou que a posta en marcha da Plataforma de teleformación da lingua galega enmárcase na política autonómica de impulsar a formación online, tanto para os empregados públicos como para a cidadanía en xeral. A directora da Amtega lembrou que a nova plataforma de teleformación súmase a outras iniciativas da Axenda Dixital de Galicia para a difusión da lingua xa en marcha como o portal da lingua lingua.gal.

26 mar 2018 / 20:55
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito