Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Presentan un proxecto para amosar a riqueza apícola galega

Búscase promover este sector por todo o mundo no marco do Xacobeo 2021 // Poranse en valor as alvarizas, patrimonio inmaterial da Humanidade // Publicouse un libro de fotografías e realizouse unha exposición

    Divulgar o patrimonio tradicional apícola galego coa idea de promover así a visita de persoas de tódalas partes do mundo que queiran gozar das paisaxes e d­unha apicultura singular, da que se obteñen uns produtos de gran calidade. Ese é o obxectivo co que naceu o proxecto Apiturismo Xacobeo 2021, que forma parte do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta de Galicia e que onte foi presentado pola Asociaciñon Galega de Apicultura (AGA).

    Con esta iniciativa, explicaron durante a presentación os membros de AGA, póñense en valor as alvarizas, que son as construcións apícolas tradicionais galegas realizadas en pedra seca, común de varias rexións de Europa, que foi declarada recentemente patrimonio inmaterial da Humanidade pola Unesco.

    Coa finalidade de atraer visitantes á oferta de apiturismo en Galicia, dirixida tanto aos profesionais do sector como a peregrinos e turistas, especialmente de cara a celebración do Xacobeo 2021, o proxecto inclúe unha serie de materiais e actividades promocionais que foron presentados onte durante o acto. Os representantes da asociación amosaron unha publicación sobre a materia que se vai distribuir a nivel internacional e que inclúe reportaxes fotográficas das apiculturas máis representativas de Galicia, da tradición cereira e dos meles galegos. Tamén se fixo un vídeo promocional con imaxes aéreas das paisaxes da terra, que se está divulgando a través das redes sociais, e unha exposición fotográfica, que se vai expoñer en diferentes lugares da comunidade nos próximos meses. Dende onte e ata o día 31 estará na galería Sargadelos, en Santiago. A mostra ofrece un compendio de 40 imaxes nas que se plasman os colmenares e alvarizas situadas nos Ancares, O Courel e A Costa da Morte.

    No acto ofreceuse ademais u­nha degustación comentada de meles, a cargo da restauradora Noela Torres, que está realizando degustacións en diferentes lugares e eventos por Galicia dentro do proxecto, e unha charla sobre apiturismo, na que participaron varias persoas pertencentes ao sector e ligadas á iniciativa, que explicaron o valor do patrimonio apícola e o potencial deste sector en Galicia.

    A Asociación Galega de Apicultura aproveitou o acto de onte para anunciar a creación dun centro de información sobre apiturismo, que estará ubicado no Centro de Divulgación do Queixo e do Mel en Arzúa, coa misión de ofrecer información ós diferentes públicos, organizar visitas e desenvolver actividades de divulgación. Unha das primeiras será a organización dun foro internacionalsobre o tema para o ano 2021. Asemade, tamén está previsto organizar visitas a través das diferentes rutas apícolas da comunidade.

    { A OLLADA }

    Valorar o que temos

    son moitos os proxectos que se están a pór en marcha, coa colaboración da Xunta de Galicia, no marco do Xacobeo 2021. Entre eles atopamos esta iniciativa, dirixida a potenciar e valorar o noso patrimonio apícola e centrada especialmente nas alvarizas, típicamente galegas e que foron declaradas patrimonio inmaterial da Humanidade. A través dun video que circula polas redes, dunha exposición, dun catálogo de fotografías e doutras moitas actividades divulgativas quérese facer chegar por todo o mundo a nosa mel. Dende logo é unha boa maneira de lograr que os nosos produtos, de gran calidade, se coñezan fóra das nosas fronteriras.

    O PROTAGONISTA

    Xosé Torres

    Presidente de AGA

    "unha apicultura única"

    Xosé Torres fixo fincapé nas alvarizas, declaradas patrimonio inmaterial da Humanidade. Torres destacou que se trata "dunha apicultura única no mundo, basada n­unhas construccións de granito ou lousa, que teñen a finalidade de defender as colmeas dos osos, delimitar o recinto do apiairo ou impedir o paso do gando". Ademais, engadiu, "Galicia conta tamén cun importante patrimonio tradicional cereiro, como son os lagares de cera, testemuñas da importancia desta industria na historia do noso país ata ben entrado o século XX". É por iso que considera "unha obriga moral" impulsar e dar visibilidade a este patrimonio histórico galego.

    22 oct 2019 / 20:52
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito