Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
HELENA VILLAR JANEIROESCRITORA

“O prezo da maternidade é moi alto e a sociedade acabará nunha extinción, cando menos simbólica”

Existe unha conciencia xeralizada de que estamos vivindo a era da muller triunfadora nas profesións máis esixentes, atribuídas historicamente aos homes. Está de acordo?

Estamos no comezo da era da muller, que tempo lle era. Pouco a pouco, foi emerxendo do ámbito privado para alcanzar o estatus de cidadá plena. O cambio vai amodo e a moi caro prezo. Ás veces, a aspiración á liberdade cústalle a vida a mans de homes que non aceptan os novos roles que acarrea para eles a lenta revolución que chega ata modificar a linguaxe para nos facer visibles no plural masculino e discriminatorio que herdamos. Mais a presenza de mulleres en todas as profesións non quere dicir nin que sexan retribuídas igual que os homes por idéntico traballo nin que accedan aos postos superiores. Afortunadamente, empezan a avergoñarnos, a mulleres e a homes, cúpulas de poder exclusivamente masculinas como negando a aptitude de máis de media humanidade para grandes decisións. Esas cúpulas non representan as mulleres nin sequera cando hai presenza testemuñal de algunha. A humanidade está perdendo outro punto de vista na solución dos grandes problemas que debe resolver.

Hai queixas fundadas sobre os problemas de conciliación familiar e flexibilidade no traballo...

Si e fanas sobre todo as mulleres, xa que a sobrecarga de problemas recae nelas, que deben ser conciliadoras a calquera prezo. As que saíron da cela doméstica para converxer na vida pública seguen a ter o coidado da casa e da familia. Así non hai paridade senón sobrecarga e frustración. Este conflito non é doado de amañar sen cambios ideolóxicos que permitan liberdade de elección con garantía de axudas para o desenvolvemento da muller como cidadá sen caer nin en despido laboral nin en apartarse da súa carreira ou profesión. Para iso é precisa unha educación integral, a través de todos os seus axentes: familia, escola, medios de comunicación, medios de produción, asociacións, institucións e sociedade en xeral. As mulleres que queren ser nais non reciben axuda e moitas toman a decisión tarde, con riscos para elas e as criaturas. O prezo da maternidade hoxe é moi alto e a nosa sociedade acabará nunha extinción, cando menos simbólica. Precisamos novo centro de gravidade para que o doméstico non recaia nelas. Habería que dispoñer un traballo compartido por todos os componentes da familia, no que inclúo ás criaturas, pois axudar na casa paritariamente non é explotación laboral senón educación para a igualdade. Tamén habería que facer cambios na organización laboral: horarios flexibles para quen teña máis peso no fogar e servizos complementarios: gardería-escola infantil, comedor lavandería, etc.

No seu ámbito, con que obstáculos se atopa?

Estou xubilada e non teño ese problema laboral. E mesmo no duro traballo de escribir e publicar tamén compaxinamos ben -antes e hoxe- o traballo doméstico para poder facelo en igualdade con Xesús Rábade Paredes, o meu home. Pero inda na vida ordinaria observo diferencias de trato que non poucas veces as crean as propias mulleres. Eu son unha privilexiada, primeiro por comprender o problema na súa magnitude e loitar desde esa comprensión contra el, e segundo porque vivín un cambio na consideración do traballo das mulleres, posto que veño dunha época moi dura para nosoutras.

En que orde de preferencia situaría familia, profesión, estudio, relevancia social ou amigos.

Primeiro, a familia. Para min é o grupo humano no que se medra e se aprende a exercer a liberdade, polo que teño un concepto amplo da palabra familia e ningún rito prefixado para unirnos máis que a vontade conxunta de nos xuntar. Desde que non somos un núcleo de catro, non se fan comidas que nos xunten por obriga, pero facémolas sempre que podemos e onde podemos. En segundo lugar, profesión e estudo no mesmo nivel, porque considero a formación continua unha obriga da que hai que responder ante a sociedade e ante min mesma. As amizades son importantes na miña vida, pero recoñezo que non lles dedico o tempo que quixera porque teño pouco tempo libre. Ao que menos importancia lle dou é á relevancia social, porque ten que vir precedida de esforzos e entregas a causas que benefician a sociedade. Na era dos influencers con pouco fundamento a relevancia social paréceme irrelevante.

Unha enquisa sinala que a xente nova vivirá peor que seus pais...

Por desgraza creo que si e vai ser unha frustración para xeracións que foron criadas en certa abundancia e condescendencia, e estimuladas polo mercado para o consumo e a vida doada. Será decepcionante e doloroso tamén para as nais e os pais que pretenderon a ascensión social e económica da descendencia. É unha deriva que me preocupa, porque teño unha netiña e lamento que vaia padecer as consecuencias deste pernicioso modelo económico que permitimos que crearan as nosas democracias.

Que se puede facer nun mundo tan desigual?

O mundo é desigual porque os poderes económicos así o queren e é moi difícil de subverter esta realidade sen unha revolución que conta con enorme resistencia, incluso entre os excluídos. Inda onde estamos mellor vemos medrar a fenda entre os ricos e os pobres, feito que caracterizou o terceiromundismo. Iso non se arranxa con voluntariado e caridade, que non resolven a raíz do problema e inda humillan. Sería necesario redistribuír a riqueza nun novo modelo social sen os ofensivos privilexios que minguan a pobreza. O Terceiro Mundo estase a converter no alpendre da terra. Non son optimista cun futuro de fronteiras pechadas. Precisamos repoñer poboación para equilibrar a demografía e, no seu canto, medran os prexuízos racistas e xenófobos. Non son optimista co que vai pasar na nosa sociedade envellecida na que perigan as pensións e se recorta o estado de benestar á poboación con menos recursos.

É sostible un sistema tan discriminatorio?

Non o é nin o debe ser. Non sabemos o custo real, en vidas e en saúde, dos recortes en servizos públicos. Temos no Mediterráneo o maior cemiterio de cadáveres de quen foxe por poñerse a salvo das guerras que producen diñeiro co armamento para os países máis ricos. África tamén se está desangrando coas secas e a explotación. E no mundo globalizado que creamos todos acabaremos sufrindo o cambio climático, a proliferación de pragas e a reaparición de enfermidades que se crían case extintas.

Que opinión lle merece a clase política?

Hai que fuxir de calquera xeralización, pero prodúceme moito descontento o que sei e non sei inda que se nos pode ocultar. Hai políticas e políticos que admiro, pero a corrupción, a fraude de currículums, a mentira, a tolerancia dalgúns partidos cun pasado co que non queren romper, a interferencia dos poderes que sosteñen a democracia, o dominio dos medios de comunicación, a falta de vontade de resolver o problema territorial de España, a recentralización do Estado, a perda de dereitos e liberdades, o incremento dos ataques ás linguas minorizadas... O nivel de esixencia do pobo cos seus políticos é moi baixo. U­nha democracia así non pode ter boa saúde.

Sentímonos manipulados e controlados polo que Orwell cualificou de 'Gran irmán'. Hai solución?

Moita solución non hai e o control é verdadeiro. Non obstante, a cultura é unha arma incruenta moi poderosa para exercer as poucas defensas que nos quedan. Temos que coñecer estes medios como posibles inimigos, saber cales son os seus procementos e deixarlles gobernarnos o menos posible. E hai que facelo porque é moi difícil hoxe prescindir deles e tamén porque son unha boa ferramenta ao noso servizo para espallar coñecemento e información que por outras canles é moi difícil distribuír. Poden conseguir unha certa democratización da cultura e do saber, pero para isto hai que aprender a usalos desde a escola con toda a prudencia e non (só) como elementos de xogo e distracción. Porque non nos deben apartar do inmediato coa promesa de que son eles quen nos abren as portas e nos trasladan ao mundo.

Cal é o mellor consello que recibiu na súa vida de quen?

Recibín moitos e valiosos de persoas que me querían ben. Sen sinalar ningún concreto, posto que me é difícil destacalo doutros, case podo asegurar que foi miña nai, esa figura que se agranda a medida que pasa o tempo da separación definitiva, quen mo deu ou quen me axudou no empeño de o poñer en práctica.

24 oct 2018 / 21:01
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito