Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
grella

Produción propia e actualidade na tarde de TVG con "O Programón"

O espazo que presenta Mon Santiso, que se emite de luns a venres en Televisión de Galicia, propón unha visión galega ·· Debate, conexións en directo, concursos e entrevistas danlle forma a este novo programa

    A Televisión de Galicia (TVG) ofrece desde onte todas as tardes, e entre as 16.00 e 18.00 horas, unha "alternativa actual e divertida" á programación das demais cadeas nacionais que emiten con telenovelas e outros magacins coa emisión de O Programón.

    Segundo indicaron os responsables desta emisión, a "principal diferenza" entre este programa, que presentará Mon Santiso, e o resto das ofertas que ven outras cadeas constitúe o "carácter galego" da iniciativa da TVG.

    Así, o presentador e codirector do programa, Mon Santiso, sinalou a importancia de mostrarlle á xente que a partir de hoxe "formarán parte da programación". Ademais, destacou que O Programón "estará pendente da actualidade, polo que contará con correspondentes e conexións en directo desde distintos puntos da xeografía galega".

    Pola súa parte, o director deste programa, Nicolás Rodríguez, adiantou que haberá distintas seccións durante as dúas horas de duración con temas coñecidos de carácter social cos que o público "se poderá identificar".

    Deste modo, O Programón contará cun consultorio diario, no que colaborarán unha sexóloga, un veterinario, un nutricionista e un experto en xardín e flores. Os venres será a quenda para un resumo deste espazo durante a semana.

    Así mesmo, esta emisión reservará un tempo para unha entrevista a un personaxe. No primeiro programa, a cantante e actriz Teté Delgado foi a protagonista deste espazo e, segundo Santiso, a "vítima" dunha situación "menos amable".

    O público tamén poderá participar neste programa de Televisión de Galicia, que se emitirá en directo de luns a venres, cunha chamada na que terá que responder a unha pregunta formulada respecto á emisión do correspondente día.

    RENOVACIÓN

    Sen escaparlle ao "corazón"

    Mon Santiso sinalou que o programa non poderá fuxir do corazón, porque o Juan Canalejo, na Coruña -ironizou-, é un gran centro de transplantes. A xefa de programas da TVG, Ana Cermeño, explicou que este espazo completa a programación de tarde da emisora autonómica, tras a recuperación de Xabarín e Caravana de sabores.

    Pola súa parte, o codirector Nicolás Rodríguez comentou que o programa contará con dous equipos de reporteiros desprazados por distintos lugares da xeografía galega .

    03 may 2006 / 01:55
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito