Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
Á beira do Sar

O profesor e a alumna

    Que Abel Caballero -según os inquéritos- poida obter a maioría absoluta como candidato á alcaldía de Vigo quere dicir que os vigueses xa non somos quen eramos (nos tempos do alcalde Portanet). E digo somos e eramos porque eu tamén son vigués pola lei de Max Aub, que di que un é de onde fixo o bacharelato. E, en efecto, un é daquel lugar onde se foi formando a constelación dos seus soños e sentires, coa axuda daqueles profesores que che abrían ventás ás colores da vida. Agora os profesores o que máis abren son pantallas. Case todos os males (mesmo os que os clásicos chamaban "los males de la patria") do noso tempo débense á extinción do profesor. Só temos orientadores, titores, e demasiados caguedráticos da gran cagada que veñen sendo as reformas educativas desde as calendas do socialista Maravall. Parece que se acabou aquela raza de profes que gañaban un posto vitalicio na memoria dos seus alumnos. O outro día mesmamente dicía na tele Elena Muñoz, a candidata polo PPdeG a rexer o concello de Vigo, que Abel Caballero fora seu profesor en primeiro de carreira pero xa non se acordabe del. De entrada, un esquecemento tan cruel podería contarse entre as armas (electorais) de muller, pero se cadra dona Elena foi sincera: nin pegada lle queda do seu profesor. Así nos explicamos certas biografías, así nos saen as contas dos moitos profesores que van malparar e benvivir á política: incapaces de facérense recordar polos seus alumnos intentan, malpocados, que os recorde a historia. Abel Caballero parece o paradigma: incapaz como profesor de gañar un sitio na memoria da súa alumna, incapaz de gañar un chisco de gloria literaria coas súas novelas, algo había que darlle a gañar. Polo menos que gañe unhas eleccións municipais. Pola súa sinceridade, que é virtude rara en política, Elena Muñoz ben podería ser premiada polos votantes, pero vese que no fondo os vigueses non cambiaron tanto, seguimos sendo uns sentimentais e preferimos apoiar a un personace tráxico (non vaia ser que colla un camiño de desesperación). Vigo a Caballero non lle debe nada; Caballero a Vigo débello todo. En Vigo aliviou a insoportable levidade das súas vaidades.

    Non mudou tanto a miña cidade ortónima, das primeiras emocións, das primeiras leccións. Segue sendo xenerosa, capaz de querer a Elena e curar a Abel.

    30 abr 2015 / 20:53
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito