Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Project xCloud chegará en breve a España

Microsoft abriu o rexistro para poder probar a súa tecnoloxía de xogo na nube para dispositivos móbiles

Microsoft anunciou que o Project xCloud, iniciativa que permitirá gozar de xogos de Xbox en dispositivos móbiles e que está a espallar xeograficamente a súa versión preliminar, vén de abrir o seu rexistro en once países de Europa occidental entre os que figura España, de xeito que en breve algúns afortunados inscritos poderán probar esta tecnoloxía que permite que dende smartphones e tabletas sexa posible gozar de xogos de consola mediante tecnoloxía de xogo remoto baseado na nube.
O feito de que esteamos nunha situación comprometida no que respecta aos servizos en liña por mor do confinamento dos cidadáns nos seus fogares, fai que a versión preliminar de Project xCloud vaia desembarcar en España de xeito moi limitado, e cunha ampliación de participantes moi gradual, xa que Microsoft quere evitar que os servizos de xogo en liña poidan ameazar o acceso á Internet da cidadanía.
O formulario de inscrición para a versión preliminar de Project xCloud xa está operativo, descoñecéndose polo momento cando se realizará o reparto de invitacións para gozar deste atractivo servizo, que para moitos suporá toda unha revolución, xa que liberará aos xogos de consola da súa vinculación ao televisor doméstico e permitirá gozar de grandes experiencias de xogo en mobilidade ou en recantos do fogar pouco habituais.
A versión preliminar de Project xCloud cona actualmente con máis de 50 xogos de Xbox dispoñibles, entre os que figuran títulos como Gears 5, Tekken 7, Devil May Cry 5, Civilization VI, Borderlands, Halo 5, Hellblade: Senua’s Sacrifice, Destiny 2, Forza Horizon 4 ou Farming Simulator 17, ou sexa, unha boa selección de xogos moi diversos, que permite así probar do xeito máis amplo posible unha tecnoloxía que terá que adaptarse a pantallas de tamaños reducidos e a condicións de xogo inestables, polo que optimizar este servizo de futuro é todo un reto.
Project xCloud está considerado como o principal competidor de Google Stadia, ante o que parece ter unha posición de vantaxe máis que considerable, xa que Microsoft parte dun catálogo potencial de xogos inmenso, mentres que os desenvolvedores continúan a ter reparos para confiar nunha plataforma nova como Stadia, sobre a que non teñen garantías de futuro nin incentivos que compensen o esforzo de adaptar os seus títulos á mesma.

07 abr 2020 / 12:42
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito