Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

En prol de Babel

    EXISTEN na actualidade unhas seis mil linguas. Moitas delas teñen a súa orixe na antiga familia das linguas indo-europeas. Non na resposta que o folklore hebreo deu a cuestión da diversidade lingüística, narrada en Xénese 11, 1-9, entendida como un mal, xa que como teñen afirmado algúns Pais da Igrexa, a perdida unidade lingüística é un atranco para a boa comunicación. Emporiso, hoxe a diversidade das linguas é apreciada como un dos tesouros e posibilidades de incalculable valor para os seres humanos. As linguas son fiestras que nos permiten dexergar o mundo, lelo e criar sentido e beleza.

    Endalí que A Cabeleira (Fragmentos) de Claudio Rodrígez Fer, e a súa perspectiva multilingüe, son de certo unha homenaxe á poesía e ao multilingüismo. Un poema en prol de Babel. A Cabeleira (Fragmentos) apareceu publicada por primeira vez na revista Grial, en 1985. En datas posteriores o poema foi traducido ao ruso e ao bretón. En 1995 apareceu a súa primeira edición políglota. En 1915 esta edición agrandouse con traducións a trinta e cinco idiomas. A última ampliación editada é do pasado ano: A Cabeleira (Poema en 60 idiomas). Estes sesenta idiomas nos que hoxe podemos ler o poema de Claudio Rodríguez Fer, engrosaranse en futuras edicións con outros idiomas, coma o alsaciano, lingua á que xa foi traducido.

    Ler o poema de Claudio Rodríguez Fer nas sesenta linguas ás que podemos ter acceso tanto na edición en papel como na dixital, aléntanos a facernos membros e a xuntarnos con todas as tribos móbiles que se estenderon por todos os recunchos e camiños da terra; moitas delas sen se constituír en estados, mais creando e conservando os vedraños patrimonios das linguas, todas igualmente valiosas, e que non só son códigos de comunicación, senón moitos máis: moldes que condicionan e á vez enriquecen o noso pensamento. Armas pacíficas fronte a un mundo que tende a erguer muros, pechar fiestras e condenarnos a un encerro solipsista en nós mesmos.

    25 nov 2017 / 21:23
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito