Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Proxectos de mellora en múltiples vías da cidade

A previsión é que as obras poidan iniciarse no mes de setembro // O investimento é de medio millón de euros

    O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos, Juan de la Fuente, deu conta de varios proxectos de mellora de calzadas e beirarrúas en nove sectores de barrios da cidade. En total, as obras previstas suman un investimento de 485.645 euros. A previsión do edil é que estas actuacións, agora en fase de contratación, poidan iniciarse a mediados de setembro.

    Entre as obras anunciadas onte por De la Fuente, destacan polo seu importe, 96.823 euros, as melloras en varios viarios do barrio de Guadalupe: pista baixa do camiño de Guadalupe, pista do campiño de Guadalupe ata o cruce, cruce do campiño con cima da Eira, cima da Eira, pista cara Chan de Curros e acceso a Chan de Curros.

    Tamén será importante (79.793 euros) o investimento a realizar na parroquia de San Xoán de Afora (Romaño), con obras na travesía de Vista Alegre, na rúa dos Cabalos, no camiño da Burata e na pista de Casal da Horta.

    Na zona de O Viso, construiranse beirarrúas no acceso ao barrio, con actuacións tamén en canalizacións e calzada (76.239 euros). O proxecto de Fontiñas (66.904 euros) contempla fundamentalmente a mellora de beirarrúas en rúas como Jaca, Cotaredo e Monte dos Postes. Tamén no sector 28, pero neste caso xa en Amio e cun investimento previsto de 55.667 euros, intervirase nas calzadas dos seguintes vieiros: Pena María, Mira, Canteira de Abaixo, Entre Rúas, San Lázaro e Campiña.

    Outra das obras que se licitará será a da primeira fase das beirarrúas na rúa Cañoteira, en Meixonfrío, nas que se gastarán 63.203 euros. En Pontepedriña, actuarase na praza de León, na rúa Samos, en Palas de Rei e na ribeira do río (24.632 euros). As intervencións nos barrios completaranse con obras de pavimentación en San Paio-Casas Novas (13.125 euros) e coa ampliación da rede de saneamento en Laraño (9.257 euros).

    O concelleiro da Brigada de Vías e Obras e Xestión Ordinaria de Servizos Básicos sumou estas obras a outra xa realizada no barrio de Conxo pola Brigada de Vías e Obras, que permitiu facer reparacións en calzadas, fonte e parque, ademais da substitución de colectores do lixo. Sobre estes traballos dixo que unicamente queda por instalar alumeado público no acceso ao parque.

    14 ago 2013 / 22:11
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito