Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Proxectos de Noia optan ós Premios de Economía Azul

Son finalistas na categoría de apoio á pesca costeira artesanal // Os gañadores daranse a coñecer mañá durante unha gala

Dous proxectos da Ría de Muros-Noia optan á segunda edición dos Premios Economía Azul. A Xunta recoñecerá mañá os mellores plans de desenvolvemento sustentable nas zonas pesqueiras galegas, promovidos polos grupos de acción local dese mesmo sector no marco da implantación das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (coas siglas EDLP).

En total son 15 os proxectos finalistas, tres por cada unha das cinco categorías convocadas: pesca costeira artesanal, creación de emprego, diversificación, innovación local e economía circular. Todos eles foron seleccionados durante a primeira semana de setembro por unha comisión encargada de escoller as mellores propostas presentadas polos GALP.

A Comercialización sustentable mediante a mellora da xestión da trazabilidade, a cargo da confraría de pescadores de Noia, opta ao galardón de mellor proxecto de apoio á pesca costeira artesanal. Nesta mesma modalidade tamén está o Deseño e desenvolvemento dun protocolo de coxestión entre as confrarías de Muros e Noia para a mellora de aproveitamento dos recursos marisqueiros.

Os criterios da selección están determinados polos beneficios que os plans son capaces de xerar para o citado sector primario. Polo que respecta á categoría de apoio á pesca costeira artesanal (incluído o marisqueo a pé), comprende aqueles proxectos que aborden, entre outros aspectos, novas canles de comercialización, o aumento do valor dos produtos pesqueiros, a revalorización das especies menos coñecidas, a oferta de produtos de proximidade e tamén solucións para promover o uso dos descartes.

Os nomes dos gañadores coñeceranse no transcurso da gala da segunda edición dos Premios Economía Azul que se celebrará este venres a partir das 19.00 horas no salón de convencións do edificio Cinc da Cidade da Cultura.

A este evento asistirán a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; os representantes dos distintos pósitos; unha representante da Rede Europea das Zonas de Pesca (Farnet), e os presidentes dos grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) de Galicia. A gala estará conducida polas actrices Marta Pérez e Diana Sieira de Inversa Teatro, e contará cun peche musical a cargo de Davide Salvado.

RECOÑECEMENTO

Visibilizar o traballo

Os Premios Economía Azul están promovidos pola Consellería do Mar, a través da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. Con estes galardóns preténdese visibilizar o traballo dos GALP nas zonas pesqueiras e motivar a potenciais promotores para que presenten proxectos ao abeiro das EDLP dos GALP. Este ano celebran a súa segunda edición.

23 oct 2019 / 21:00
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito