Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Puntillas e oracións nas redes dende Camariñas e Fisterra

Inaugurada onte a Mostra do Encaixe Virtual coa presenza, a través de vídeos, das autoridades que ían asistir ao acto oficial // Todos apelaron á unidade e aplaudiron a iniciativa // Na vila do Cristo a Semana Santa dá o salto a Facebook

A Mostra do Encaixe de Camariñas e a Semana Santa de Fisterra, dúas das citas de referencia da Costa da Morte, queren manter viva a súa esencia a través das redes sociais, de xeito que en todo o mundo se poderá escoitar estes días o son dos palillos, desfrutar de desfiles de moda e tamén participar nalgúns dos actos relixiosos máis significativos da vila do Cristo.

Onte foi inaugurada a primeira Mostra do Encaixe Virtual, que xuntou, a través de vídeos, a todas as autoridades que tiñan confirmada a súa presenza en Camariñas se fose posible a celebración no pavillón Víctor Vigo. O delegado do Goberno, Javier Losada, apelou á unidade “porque todos xuntos podemos loitar mellor contra o virus” e afirmou que “con actividades coma esta, con imaxinación e con forza, facemos tamén sociedade e labor para seguir avanzanzo no eido económico”. Tamén a subdelegada do Goberno, Pilar López, quixo recalcar que a feira encaixeira “é un exemplo de forza para manter viva a historia e a economía de Camariñas e de toda Galicia”.

Pola súa banda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, lembrou que “xa son trinta anos reivindicando o papel da muller na Costa da Morte e un oficio que deu de comer a moitas familias. A Mostra e a súa celebración encerran a esencia do mellor de nós mesmos e a esperanza que alumea o futuro na comarca, na provincia da Coruña e en Galicia”.

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, quixo sumarse tamén ao acto virtual a través de Facebook, sinalando que “estamos separados, pero máis unidos ca nunca”, e lanzou unha mensaxe de esperanza no futuro, pois “a artesanía e o noso palillo vannos seguir unindo, e volveremos estar xuntos en Camariñas e a desfrutar do encaixe”. Elena Fabeiro, xerente da Fundación de Artesanía de Galicia, tamén aproveitou as novas tecnoloxías para saudar “a todos os que participan, ano tras ano, neste evento e, especialmente, a todas as palilleiras e a eses nenos e nenas da escola municipal de palillo que nos fan sorrir en todas as edicións e que son o futuro do encaixe”.

Ademais da participación das autoridades, a xornada inaugural, e tamén ao longo de todos os días ata o domingo, a Mostra do Encaixe Virtual xuntou a grandes e xóvenes deseñadores, delegacións internacionais, empresas, artistas, voluntarios e medios de comunicación, ademais de seccións coma o Pequencaixe e a que ía ser a gran novidade este ano: Artencaixe. Todo en formato de vídeos que se poden ver na páxina oficial da Mostra do Encaixe en Facebook.

E en Fisterra, a Xunta de Confrarías da Semana Santa tamén quere manter unidos aos fieis, aínda que sexa na distancia. Ademais de recoller en Facebook imaxes, vídeos e outro tipo de iniciativas que axudan a manter vivo o espírito duns días tan sinalados, retransmitirán hoxe, ás 19.00 horas, a oración do Xoves Santo a cargo do párroco Xosé María. Despois proxectarán un vídeo das representacións da Última Cea, o Lavatorio de Pés, a Oración do Horto e o Prendemento de Xesús. O mesmo farán cos actos que estaban programados ata o Luns de Pascua.

Adaptándose aos tempos
Manuel Lavandeira

Estar na casa non é sinónimo de estar illado, senón que, grazas ás redes sociais, seguimos plenamente conectados co resto do mundo. Cambian os escenarios e medran as distancias, pero as novas tecnoloxías están a permitir que Camariñas e Fisterra poidan vivir e celebrar (doutro xeito, iso si), dúas das súas citas con máis proxección nacional e internacional: a Mostra do Encaixe e a Semana Santa. Demostran así que, con inxenio, solidariedade e capacidade para adaptarse aos tempos que nos toca vivir, nada, ou case nada, é imposible. Certo que non é o mesmo pero, alomenos, internet permite que poidamos seguir escoitando o son dos bolillos, gozar de coloridos desfiles de moda e tamén asistir aos actos relixiosos ao tempo que comeza a conta atrás para 2021.

A protagonista

“A de 2021 será das mellores da historia”

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, foi a encargada de facer o tradicional corte da cinta co que se deu por inaugurada oficialmente a primeira Mostra do Encaixe Virtual, despois de saudar a agradecer ás delegacións extranxeiras, ás palilleiras, á veciñanza “e a todas as persoas que nos apoiaron a través das redes sociais”.

Quixo transmitir tamén “moito ánimo”, ao tempo que anunciou que a trixésima edición da Mostra do Encaixe que onte se ía inaugurar “celebrarémola en 2021 e tentaremos que sexa unha das mellores da historia”. Recoñece que “foi unha decisión moi dura” ter que cancelar a feira, pero confía en que veciñas e veciños e todos aqueles que o desexen “desfruten desta Mostra virtual a través das redes sociais”.

A rexedora recibiu os parabéns dos responsables das distintas administracións públicas por impulsar esta edición virtual. Ademais da mensaxe da primeira mandataria local, tamén se asomaron a Facebook varios dos concelleiros do goberno local; o portavoz do PP, Mauro Aufiero; o alcalde de Serra d’El Rei, Jorge Amador; a vicepresidenta de Peniche, Ana Rita Petinga; o rexedor de Novedrate (Italia), Serafino Grassi; o modelo internacional e imaxe promocional da Mostra, o vimiancés Damián Álvarez, e o presdiente da Asociación de Creadores de Moda de España, Modesto Lomba, entre outros.

08 abr 2020 / 23:26
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito