Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Queipo gaña o Xerais cunha novela de aventuras ambientada no s. XVI

'Extramunde' é "moderna na construción e na estrutura", di o seu autor//Anxo Fariña obtén o Merlín de Literatura Infantil e Héctor Carré o Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil

Cunha novela que o autor definiu, tras a obtención do XXVIII Premio Xerais 2011, como "de aventuras, onde unha pléiade de personaxes alucionados embarcan nunha viaxe a bordo dunha nave de tolos, que no fin, constitúe a personaxe central da novela", Xavier Queipo recibiu na illa de San Simón o galardón, dotado con 25.000 euros.

De Extramunde, ambientada no século XVI, Xavier Queipo dixo que "é unha novela moderna na construción e na estrutura, que contén varias novelas nunha, ou unha novela con distintos alentos narrativos, que van da desmesura violenta de Galiza entendida como territorio mítico e esotérico, á navegación oceánica e confronto coas forzas da natureza, até a descuberta dunha tribo de caníbales nas selvas de Borneo, á aceptación da condición de guerreiro cortador de cabezas".

A novela, presentada tamén baixo o título Extramunde, foi elixida de entre corenta obras por un xurado formado polo xornalista Francisco Pérez Lorenzo, o escritor e xornalista Pemón Bouzas, a fotógrafa e profesora Paula Gómez del Valle, o notario Jorge da Cunha, a escritora Berta Dávila e Fran Alonso, que participou como secretario con voz e sen voto en representación de Xerais.

Os membros do xurado, que escolleron como finalistas as obras presentadas baixo o lema O caso Ocaso, Todo home é como a lúa e Extramunde, subliñaron da de Xavier Queipo "a calidade da súa escrita, na que destaca un arranque espectacular e unha enorme plasticidade".

"Escrita cun pulso narrativo vibrante, de grande intensidade", o xurado engadiu na súa resolución que "botando man dun certo rexistro expresivo de ton profético, o autor constrúe unha magnifica novela de aventuras que dialoga con clásicos como Stevenson ou Jack London para crear, desde a carcasa da posmodernidade, un canto de denuncia contra as inxustizas e contra o peso esmagador da doutrina relixiosa e, sobre todo, a favor da vida, da supervivencia, da inequívoca procura da liberdade".

O xurado do Premio Xerais 2011 recomendou, por último, "a publicación das outras dúas novelas finalistas, ambas as dúas moi distintas, de longo percorrido e amplo alento. Recoñecemos, xa que logo, que a decisión non foi doada".

O XXVI Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros, foi para A chave da Atlántida, de Antón Fariña, e presentada baixo o lema Prometeo.

Nesta edición, na que concorreron 46 títulos, o xurado formado por Rodrigo Chao Blanco, Julia González González, Antonio Reigosa Carreiras, Ángeles Roca López, Gracia Santorum López e Helena Pérez Fernández como secretaria, escolleu como finalistas O carreiro das formigas e Trampa de luz.

Antón Fariña, que recordou que de neno quixo ser pirata espacial, subliñou que hoxe "podo ser pirata espacial e moito máis. Grazas aos libros. Agora concédenme o Merlín e o único que podo dicir é que este galardón supón un marabilloso impulso para ese foguete co que atravesar o espazo e vivir mil aventuras".

Héctor Carré obtivo o V Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil con Febre, unha obra que afirmou que naceu dos seus recordos, xa que "cando era rapaz escoitei moitas historias que comezaban dicindo nos tempos do volframio...".

O galardón, dotado con 10.000 euros, foi outorgado por un xurado formado por Isabel Bilbao Freire, Susana Piñeiro Paz, María Dolores Tobío Iglesias, Sabela Vilar Estévez, Andrea Ramos Queixas e Xosé Manuel Moo Pedrosa.

acto literario-musical

•••Á gala de onte no Auditorio da illa de San Simón asistiron máis de 300 persoas, entre elas o conselleiro de Cultura, Roberto Varela; o alcalde de Redondela, Javier Bas; o director xeral do Libro, Francisco López Rodríguez; a deputada Carme Adán; o director xerente da Fundación Illa de San Simón, Xabier Alonso; o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño, e escritores, editores, libreiros, bibliotecarios, profesores e colaboradores de Xerais. O director da editorial, Manuel Bragado, agradeceu o apoio e reclamou nestes tempos a maior atención para o mundo da cultura.

12 jun 2011 / 01:17
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito