Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
aLbErtO García García, Alcalde de Catoira

"Queremos vincular a ruta do Apóstolo coa dos viquingos"

{ Catoira, 1953 } Con preto de 3.500 habitantes e situado no interior da ría de Arousa, o Concello gobernado por este catoirés desde 1989 conta co privilexio de gozar da AP-9 e do tren de alta velocidade nas proximidades. Isto repercútelles positivamente no desenvolvemento dunha crecente actividade económica e industrial.

Despois de tantos anos á fronte do consistorio, que balance fai desde a súa chegada?

O balance, non cabe dúbida, é positivo e non só para Catoira. Hai que dicir que, en Galicia, a democracia lles sentou moi ben a todos os concellos. Respecto ao meu municipio, comparando os servizos dos que dispoñía naquel momento aos que hoxe ten, non hai confrontación posible. Cando cheguei só había un vehículo municipal, e era unha bicicleta para o porteiro, pero non podía andar nela porque non había diñeiro para reparar os pinchados das rodas. O cambio é brutal, xa que na actualidade contamos con camións de recollida do lixo, de bombeiros e toda clase de medios de transporte. Con este exemplo, creo que xa é suficiente co fin de albiscar os avances.

Considera que a situación xeográfica foi sempre unha das súas bazas principais?

Así é. Catoira sempre foi un cruce de camiños. Na historia compostelana, chamábanlle chave e selo de Galicia, e de feito, o arcebispo Xelmírez naceu nas Torres do Oeste. Este espazo tiña como obxectivo que os viquingos e os sarracenos non subiran polo río Ulla, evitando que chegaran a Santiago, onde planeaban atacar e roubar as riquezas eclesiásticas. Por iso, dicimos que hai xa mil anos que se cruzaba a nosa localidade para vir e entrar no territorio galego.

Esta posición axúdalles á hora de gozar dunha mellor rede de comunicacións?

Estamos a media hora de Santiago e Pontevedra, a tres cuartos de Vigo, e temos os aeroportos a moi poucos quilómetros, mesmo o de O Porto, ao que se chega nunha hora. Polo tanto, estamos moi ben comunicados, porque as autovías e autoestradas pasan por aquí e os servizos de autobuses a todas as capitais tamén. Ás veces ata penso que hai demasiadas comunicacións carafóra e menos á inversa, polo que hai que ter coidado. Por sorte, mantemos o tren de proximidade e pasa o de velocidade, cunha parada do eixo atlántico que se encontra moi preto.

O seu goberno presume do benestar social no municipio, como conseguen mantelo?

Tivemos un boom negativo moi importante co peche da fábrica de gres, activa desde os anos cincuenta e na que traballaba moita xente. Aí vivimos un baixón grande na comarca, que nos afectou a nós pero tamén a Cuntis, Moraña, Vilagarcía ou Valga. Porén, agora contamos cunha actividade empresarial forte e grazas á nosa situación, permítenos non perder poboación. Moitos van aos seus postos laborais fóra, pero regresan á súa casa pola noite. Así, podo presumir de que nun concello que non supera os 3.500 habitantes, os veciños e veciñas dispoñen de máis servizos fundamentais que noutros lugares de 20.000 persoas.

Unha das súas cartas de presentación é a Romaría Vikinga. Que novidades nos deparará a próxima edición?

Hai unha novidade vital que foi a construción dun edificio na entrada das Torres do Oeste. Trátase dun centro de activación cultural, polo que todo o fluxo de turistas pasarán por aí. Este levará consigo información desde o Megalítico até o Contemporáneo, visualizándose temas dos históricos navegantes, dos castros ou das escavacións, e mesmo se recuperarán algunhas pezas que se encontran espalladas polos diferentes museos autonómicos.

E no que respecta aos festexos en si?

Precisamente, acabo de chegar de Irlanda de encargar un novo barco de época, aproveitando as nosas relacións con pobos de alí. Encargámosllo porque nese lugar rodouse a serie Vikings e dispoñen duns moldes de construción de poliéster, con madeira que non se recoñece, que son moi duradeiros e que abaratan moito os custes. Deste xeito, chegará antes desta nova edición da festa, onde se estreará.

Teñen tamén unha gran relación co Camiño de Santiago. Como potencian esta circunstancia?

Hai moitos anos, o corpo do Apóstolo seguiu a mesma ruta dos escandinavos, polo que é o Camiño que deu lugar aos demais. A tradición di que despois de ir a Santiago, peregrinábase a Fisterra e ás Torres do Oeste, pola unión de Xelmírez con ambos lugares. Acompañando esta idea, como os nórdicos seguiron idéntico itinerario de auga cara a capital galega, estamos intentando, dentro do plan Xacobeo da Xunta de Galicia, vincular os dous, mesmo contando co apoio do Consello de Europa, ao seren incluídas nese organismo. Presentamos un proxecto coa meta de facelo realidade, o cal sería moi interesante polo papel que pasaría a ocupar Catoira a nivel europeo, dándonos a coñecer alén das nosas fronteiras.

Que outras características pode destacar da súa vila?

Temos moitas máis bondades, principalmente, a gastronomía, co Ulla encarnando unha fonte de riqueza. A lamprea, a robaliza, a solla ou outras especies son moi características da zona e exáltanse en diferentes festexos. Aproveitámolos tamén para que os gocen os visitantes. E despois, é crucial a súa xente, dándolle un aire distinto, polo que lle agradecemos aos nosos veciños o seu carácter.

Por último, cara onde vai a Catoira do futuro?

O futuro teno garantido. Primeiro, pola súa situación; despois, pola poboación moi nova; e terceiro, por unha industria que vai a máis, cun polígono que agardamos que se encha de empresas este ano. A maiores, a nosa xuventude está moi formada, debido á proximidade das grandes urbes.

Ver vídeo en: www.correotv.es

"Denominóusenos na historia como chave e selo de Galicia, xa que as Torres do Oeste tiñan como obxectivo que os saqueadores non subisen polo río Ulla en dirección a Santiago"

"Esta nova edición da Romaría contará coas novidades dun centro de activación cultural e unha embarcación cuxo molde ven de Irlanda"

"A nosa xuventude está moi formada e o tecido empresarial cada vez é máis forte, polo que o futuro está garantido"

31 mar 2019 / 21:57
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito