Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
mulleres na ruta xacobea (VI)

A Rainha Santa chegou a pé desde Coimbra e Mahaut de Artois foi unha das que máis 'peregrinou' sen pisar o Camiño

Como condesa de Borgoña e en virtude das súas competencias xurisdiccionais, condenou a varios reos á pena de peregrinación forzosa a Santiago // Feito que se rexistrou por escrito, polo menos en tres ocasións, unha en 1307 e dúas en 1328

"E ante que se comprisse o anno do dia do passamento del Rey começou esta Rainha caminho, sem o dando a entender, para ir a Igreja em romaria hu jaz o corpo de Santiago Apostolo (...) Foi de pe com gram devaçom ata a Igreja de Santiago, e esto era no mes de Iulho ante a festa de Santiago por dias, e teve alli a festa (...) E comprida sa romaria, o Arcebispo da Igreja deu á Rainha hum bordom e esportella, para per o bordom e esportella parecer romeira de Santiago, e tornouse para Portugal. E as gentes das Comarcas per hu vinha sahião de sa propria vontade aos caminhos e logares hu passava por a veerem..."

Así nolo conta Frei Francisco Brandão, na súa Monarquia Lusitana, Parte VI (pp. 512-513), obviando un servidor os presentes que a raíña trouxo a Compostela e que tan ben descritos están na crónica, en tanto causaron abraio polo seu valor.

A raíña Isabel, a Rainha Santa, como a coñecen no país veciño, fixo esta viaxe a pé desde Coimbra no ano 1325. Se hai unhas liñas non quería alongar a cita cos presentes ofrecidos ao Apóstolo hai un que ben merece da súa atención: "e em no dia da festa, dizendo a Arcebispo Missa, offerecêdo esta Rainha ao Apostolo Santiago a mais nobre coroa que ella havia, com muitas pedras preciosas..." porque Dona Isabel de Portugal ofrendou o máis valioso que tiña a Santiago, a súa propia coroa real.

Trátase, probablemente, do maior tesouro/xoia doado nunca ao santuario compostelán por un peregrino. Nada se sabe dela. Si sabemos que se levou, non só polo que quedou anotado nas crónicas, tal e como recolle a cita que abre este artigo, senón porque cando en 1612 se abriu o seu sepulcro en Coimbra, alí estaban os dous elementos máis característicos cos que quixo ser soterrada para levar na súa última viaxe como peregrina: o bordón, como báculo distintivo, e o zurrón coa súa vieira: scarsellam para italianos, ysquirpam (franceses), sportam (provenzais), esportela (portugueses), escarcela... Ata aquí a súa historia, tan real como a rúa da Raíña no rueiro compostelán.

Pero hai outra historia non confirmada, que agranda a súa figura como muller peregrina e devota. Dez anos despois, en 1335, presentindo a súa morte, volve como peregrina mendicante e pobre, de incógnito, sen garda real armada, entendendo a forza da mensaxe igualitaria do cristianismo e o concepto de vanitas, que tanto xogo daría no barroco literario español: "sueña el rey que es rey, y vive / con este engaño mandando" (La vida es sueño, II, 19) e tamén na pintura, como o óleo de Antonio de Pereda: O sono do cabaleiro ou Desengano do mundo. Non me negarán vostedes que houbo mulleres apaixonantes de camiño a Compostela.

Mais houbo outras mulleres de clase alta que non entenderon así o espírito do Camiño. Vexamos outro exemplo: Mahaut de Artois espósase en 1285 con Otón IV, conde de Borgoña, accedendo así ao título de condesa. Nai de catro fillos, é unha das mulleres que máis peregrinou a Santiago sen facer nunca o Camiño nin chegar ao santuario do Apóstolo. En 1305, coincidindo cunha grave doenza da súa filla Xoana, fai entrega de 26 libras a un tal Gauteron para que fose desde Saint-Mandé (próxima a París) ata Santiago de Compostela na procura da curación da súa primoxénita mediante a intercesión apostólica.

Fose polo resultado desta primeira peregrinación procurada, ordena (en febreiro de 1312) entregar a Xoán de Courcelles a cantidade de 19 libras e 4 soldos a dous homes que acudirían a Santiago no seu nome.

En 1317 e por mor do pasamento de seu fillo Roberto envía por delegación unha peregrina a Chelles, un peregrino a Saint-Louis de Marseille, dous a Saint-Didier de Langres, un a Saint-Côme e Saint Damien de Luzarches e outro a Santiago de Compostela, onde depositaría 11 libras e 6 soldos como esmola. En maio de 1321 o tesoureiro da catedral compostelá certifica que un tal Yvon le Breton, peleteiro parisino, fai entrega de 4 soldos en representación da condesa de Borgoña, Mahout de Artois.

Con data de 17 de marzo de 1326 un tal Laurent le Vaillant, recibe de Jehan de Salmes, tesoureiro da condesa, a cantidade de 9 libras para peregrinar a Santiago. O 3 de abril de 1327 Estève Gelerin le Boudenier recibe outras 9 libras para facer o Camiño en representación da condesa, ao que se engaden 16 soldos para facer outra no seu nome ante o sepulcro, porque ben sabido era que as indulxencias obtidas ou os favores requiridos serían concedidos á patrocinadora e nunca ao oferente circunstancial.

Como condesa e en virtude das súas competencias xurisdiccionais, condenou a varios reos á pena de peregrinación forzosa a Santiago. Feito que se rexistrou por escrito, polo menos en tres ocasións, unha en 1307 e dúas en 1328. Esta nobre dama foi unha das que máis peregrinacións materializou a Compostela, sempre a través de persoas interpostas e nunca persoalmente.

Dous investigadores estudaron a súa figura: D. Péricard-Méa no estudo "Au Moyen Age, femmes nobles en pèlerinage á Compostelle" publicado en Mujeres y peregrinación en la Galicia medieval (2010), volume editado por C. A. González Paz, e M. González Vázquez con Las mujeres de la Edad Media y el Camino de Santiago (1989).

O primeiro avogou que a causa de tantas romarías e desprazamentos polo Camiño Francés explicaban o seu intenso fervor relixioso, o segundo apostou por unha maneira moi sutil e intelixente para camuflar o contrabando de cabalos, animais cuxa exportación estaba prohibida e que tiñan un enorme valor económico e militar como arma de guerra.

Como as comparacións son odiosas (logo de falar da raíña Isabel), deixo na súa man que explicación lle parece máis convincente e por cal das dúas toma partido. Agora, xa coa súa decisión tomada, permítame poñerlle un último exemplo: Eleonora d'Aragona, neta paterna de Federico III d'Aragona, rei de Sicilia, e de Eleonora d'Anjou, filla do marqués Giovanni de Randazzo e de Cesarea di Caltanissetta, casada con Guglielmo Peralta, conde de Caltabellotta, foi unha das mulleres máis poderosas da Illa de Sicilia. Condesa de Caltanissetta, Calatafimi, Sambuca, Giuliana, Calatamauro... finaría en 1405 á idade de 60 anos, nomeando herdeiro universal ao seu neto predilecto, Raimondetto di Peralta, saltando ao seu propio fillo Nicola Peralta o que provocou non poucos conflitos familiares.

No seu testamento, asinado uns anos antes no castelo siciliano de Giuliana, quedou por escrito unha manda para que no seu nome tres peregrinos, ex profeso, fosen a Santiago de Compostela e outros tres a Xerusalén. Unha única vez! e como expresión sincera das súas últimas vontades: "Item volumus et mandamus quod quia tenemur ex voto mictere tres personas pro anima nostra ad Sanctum Iacobum de Galicia et alias tres ad Sanctum Sepulcrum quod heres noster teneatur eligere dictas personas et eas mictere suis sumptibus et expensis".

12 ago 2019 / 21:40
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito