Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rapaces outienses achéganse á lingua a través da natureza

Charlas obradoiros prácticos forman parte dun programa que potencia o coñecemento da cultura popular a través da fauna

Desde onte e ata mediados de novembro, a rapazada de 8 a 12 anos do Concello de Outes, participa en diversas conferencias e obradoiros prácticos nos que mellorará o manexo da lingua galega mediante o coñecemento da natureza e da fauna.

Desde o Servizo de Normalización Lingüística elaborouse un amplo programa no que se potencia o coñecemento da cultura popular arredor da fauna galega, animando ás nenas e nenos a faceren unha "prospección" na contorna familiar e veciñal, tomando nota de ditos, contos, refráns ou anécdotas sobre o tema, e facendo posteriormente un traballo de adaptación e interpretación do material recollido.

O SNL apostou por un formato de charla e obradoiro práctico porque ademais dos propios valores didácticos, refórzase a comunicación interxeracional, o manexo do galego en varios rexistros e mellórase o vocabulario sobre a fauna do contorno outense.

Por unha banda, nas charlas teóricas amplíase información sobre os animais silvestres, bótase luz sobre determinados tópicos e mitos facendo un dobre labor de concienciación ambiental ao tempo que se traballa o ámbito lingüístico. Por outra banda, nos obradoiros prácticos a rapazada pode realizar carautas de animais ou réplicas dos foxos para atrapar lobos. Unha obra de teatro porá o punto e final.

08 oct 2019 / 21:58
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito