Santiago
+15° C
Actualizado
jueves, 18 agosto 2022
21:27
h
dentro do proxecto Smart iAgo

Raxoi contratará un inventario sobre a iluminación da cidade

Este proxecto Inclúe e fomenta os investimentos en tecnoloxías aplicadas ás infraestruturas da electricidade e da iluminación pública, promovendo un desenvolvemento económico e ambiental duradeiro e sostible

    No Concello de Santiago existen 26.000 puntos de luz, repartidos nun ámbito de máis de 220 quilómetros cadrados por todos os viais do termo municipal, e 600 cadros de mando. Todos eles serán inventariados, xeoreferenciados e introducidos no inventario. Así o anunciou en rolda de prensa a concelleira de Sostibilidade en funcións, Cecilia Sierra, acompañada polo director da Área de Urbanismo e Infraestruturas, José Ángel Oreiro.

    Este investimento enmárcase dentro do proxecto Smart iAgo (cidade intelixente - cidade eficiente), que o Concello puxo en marcha e que inclúe e fomenta os investimentos en tecnoloxías aplicadas ás infraestruturas da electricidade e da iluminación pública, promovendo un desenvolvemento económico e ambiental duradeiro e sostible.

    O inventario permitirá acceder puntualmente a calquera tipo de información que se queira empregar ou consultar sobre as instalacións da iluminación pública, así como das súas características de consumo ou contratación da enerxía eléctrica, co obxecto de realizar programas de aforro enerxético ou planificar instalacións novas que sexan enerxeticamente sostibles.

    Entre outras funcionalidades, este inventario permitirá coñecer por vía telemática e en tempo real a seguinte información:
    - Mapa lumínico da cidade, por rúas, barrios ou calquera ámbito que queira delimitarse.
    - Consumo enerxético.
    - Avarías.
    - Trazado e profundidade das liñas.

    Con esta información, entre outras múltiples funcionalidades, poderase:
    - Dar unha resposta en tempo real a avarías e todo tipo de anomalías.
    - Proxectar as actuacións prioritarias, logo da determinación daquelas zonas ineficientes luminicamente.
    - Priorizar investimentos por razón dos aforros.
    - Controlar por vía telemática as instalacións de iluminación pública
    - Complementar o proceso da actualización cartográfica municipal, con nova información nun mesmo formato.

    As cidades modernas baseadas en infraestruturas eficientes e duradeiras deben orientarse, entre outras cousas, a ofrecer aos cidadáns uns servizos de calidade, respectando ao máximo os aspectos ambientais e o emprego prudente dos recursos naturais non renovables.

    O Sistema de Información Xeográfica (XIS) é unha integración organizada de hardware, software e datos xeográficos, deseñada para capturar, almacenar, manipular, analizar e despregar en todas as súas formas a información xeográfica referenciada (para o caso que nos ocupa, da totalidade das instalacións da iluminación pública municipal). O seu obxectivo é resolver problemas complexos de planificación e xestión, permitindo, entre outras cousas, realizar consultas, analizar a información, editar datos, etc.

    O tipo de licitación será de 17.030 euros, IVE incluído. Os traballos, unha vez adxudicados, deberán ser entregados nun prazo máximo de tres meses.

    20 feb 2014 / 17:18
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito