Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Regresa a pantasma de Oscar Wilde: sensibilidade e talento

A mocidade galega pode gozar grazas á renovada colección Xabaril da obra 'A pantasma de Canterville' e outros contos

O escritor irlandés Oscar Wilde (Dublín, 1854-París, 1900), recoñecido pola súa sensibilidade, o seu extraordinario talento para a narración curta e pola defensa da "arte pola arte" é un deses autores clásicos universais que continúa engaiolando a todo tipo de lectorado, desde os novos aos vellos, como se demostra coas numerosas reedicións das súas obras.

Neste ano 2011 a renovada colección "Xabaril" de Edicións Xerais de Galicia volve sacar do prelo o conxunto de seis relatos A pantasma de Canterville e outros contos, no que se prescinde das ilustracións interiores e da introdución contextualizadora de edicións anteriores, mais sen renunciar ás notas a rodapé. Desde que aparecera esta obra por primeira vez no ano 1983 na colección "Xabarín" con introdución, tradución e notas de Gustavo Luca de Tena e ilustracións de M. Fragoso, foron moi numerosas as súas reedicións. É de salientar que tamén foi incluída na colección "Xabarín de Ouro" no ano 2003, cun cambio nos peritextos das ilustracións a cargo de Federico Fernández Alonso.

O volume iníciase co conto que lle dá o seu título "A pantasma de Canterville", unha historia fantástica sobre pantasmas, escrita en 1887, na que se amosan as reaccións da familia norteamericana do embaixador Hiram B. Otis ante a aparición do espectro de Sir Simon de Canterville, condenado a vagar polo pazo inglés dende o ano 1584 por asasinar á súa muller, Lady Eleonore de Canterville. Lonxe de se atemorizar, a familia, caracterizada polo seu pragmatismo e materialismo burgués, búrlase e mófase de todas as acción da pantasma que, aínda que emprega todos os disfraces e recursos que lle outorgaran un grande éxito noutros tempos, non é quen de amedrentrar aos destemidos señor e señora Otis e aos seus fillos Washington, Miss Virxinia e os pequenos xemelgos. A pantasma réndese e, axudada por Miss Virxinia, consegue o descanso eterno.

Wilde reescribe por medio da parodia e o humor os dous motivos principais do conto gótico de pantasmas, a aparición da pantasma e a casa encantada, tan do gusto do lectorado mozo, configurados desde a literatura latina no relato epistolar de Plinio o Mozo, para amosar as diferenzas e enfrontamentos entre a nova e moderna sociedade americana e a tradicional sociedade victoriana británica.

Os demais contos que completan o volume salientan polo seu lirismo, as descricións detalladas e os valores implícitos que amosan. Así, nos contos "O Rei novo", "O rousiñol e a rosa", "O xigante egoísta" e "O príncipe feliz" destaca a mensaxe de esperanza e solidariedade, mentres que en "O crime de Lord Arthur Saville" se amosa o poder que teñen as predicións quirománticas, pois Lord Arthur, deixándose levar polas indicacións do Sr. Podgers, comete un asasinato para así realizar o seu destino.

verinesa@yahoo.es

Literatura Infantil e Xuvenil

PARA LEMBRAR
Nesta semana estivo de aniversario Jordi Sierra i Fabra (Barcelona, 1947), creador catalán que escribiu para os máis novos un amplo abano de obras literarias, moitas galardoadas cos máis diversos e prestixiosos premios do Estado español e do estranxeiro.
En galego poden lerse máis dunha ducia destas obras. É de interese seguir o seu labor e o das Fundacións (Barcelona, e Colombia) que levan o seu nome na páxina en liña ( www.sierraifabra.com) elos
PROTAGONISTAs elixidos
Os avós na LIX galega. Hoxe celébrase o Día dos Avós, por iso invitamos a reler obras nas que eles son personaxes significativos. Tan só citaremos algunhas das publicadas no século XXI debido a que os avós, pola importancia que teñen no desenvolvemento dos máis novos, xa como narradores orais de contos e lendas, xa como guieiros, xa como personaxes a recoñecer e valorar, cobren moitas páxinas de obras dirixidas aos máis novos. Recomendamos reler Avós (2002), de Chema Heras, por tratarse dun álbum no que se presenta unha sentida historia, animosa cara aos maiores, pero rompedora ademais cos moldes da sociedade máis tradicional; a serie literaria de Fina Casalderrey publicada en 2002 e formada por A avoa non quere comer, O avó sae de paseo, O avó é sabio e A avoa ten unha menciña, títulos nos que se reflicten as vivencias e complicidades entre avós e netos; e Tonecho de Rebordechao (2005), de Breogán Riveiro, no que se destaca a importancia dos avós na formación dos máis pequenos. ELOS

para coñecela +

90
Editoras e premios na década dos noventa. Aos axentes xa sinalados na semana anterior que deron pulo á LIX súmanse agora novas editoriais, tanto de ámbito galego coma de ámbito estatal. Neste último caso, unhas crearon selos editoriais en Galicia e outras comezaron a publicar en lingua galega e castelá, aínda que non se instalaran fisicamente no país. Entre todas estas editoras é de salientar a aparición de Kalandraka, que animou a publicación de álbums, unha debilidade do sistema neste momento, e que provocou un revulsivo no mercado editorial en xeral. Outro axente a salientar é a convocatoria de novos premios literarios, canonizadores por excelencia, dado que consolidaron e abriron correntes temáticas e formais, ademais de axudaren a publicitar a creación en xeral e a vertebrar este sistema literario. Entre eles destacamos o premio Raíña Lupa (1998), da Deputación da Coruña, que gañou en 2010 Marcos S. Calveiro (na foto) con Centauros do norte, unha inciativa que premia obras en lingua galega, e tamén o Ala Delta (1990), EDEBE (1993), Abril (1998), aos que se pode acceder dende as distintas linguas do Estado español. Convén lembrar tamén os concursos de colexios, bibliotecas, etc., que foron en aumento e que animaron a escribir aos máis novos, moitos deles futuros escritores profesionais. marta neira rodríguez

26 jul 2011 / 02:12
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito