Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 21 mayo 2022
10:31
h

Relación sobre lectura, escola e literatura infantil

'Lectura, Infancia y Escuela. 25 años de libro escolar en España: 1931-1956', de Pedro C. Cerrillo e Carlos J. Martínez Soria (eds.)

Recoméndase a lectura e consulta deste volume a todo aquel que teña interese polo ensino e a literatura infantil dun dos períodos máis relevantes e convulsos da historia de España do século XX. Nel recóllense dez artigos ben enfiados e documentados, que asinan diferentes investigadores universitarios e que se inclúen nunha primorosa edición, froito da exposición homónima, coa que o Centro de Estudios de Promoción de la Lectura y Literatura Infantil (CEPLI), da Universidade de Castilla-La Mancha, conmemorou o seu décimo aniversario.

O conxunto de traballos mencionado estrutúrase en catro seccións e dálle corpo a unha dupla panorámica, que aborda, en primeiro lugar, a vertente escolar e, a continuación, a da literatura infantil. Así mesmo, brinda a posibilidade de coñecer as mudanzas que se foron sucedendo neses ámbitos, ademais de revelar como era a infancia daquela época e como era considerada e tratada polos adultos. Na primeira das seccións, "Antes de 1931", refírense as innovacións que se produciron no sistema educativo e nos textos literarios, os cales experimentaron con novos temas e recursos expresivos, ao tempo que se estimulou a edición, a prensa ou o libro infantil.

Posteriormente, en De 1931 a 1936, trátase a II República española, diferenciándose o Bienio Reformador (1931-1933) e o Bienio Conservador (1933-1935), e destácanse os cambios orixinados no ensino, que reflicten a atención prestada ao medio rural, á muller, ao recoñecemento das rexións autónomas ou ao laicismo.

Guerra civil. Por outra banda, recoñécese o pulo vivido pola literatura para os máis novos e a aparición dos seus primeiros clásicos, alén de consolidárense iniciativas editoriais anteriores. Xa na terceira sección, Guerra Civil Española (1936-1939), móstrase como o bando republicano e o nacional entenderon a educación e a literatura como instrumentos de adoutrinamento da poboación a favor das súas respectivas ideoloxías.

Por último, en De 1939 a 1956, afóndase na depuración sufrida polo sistema escolar e na intervención censora para evitar referencias ao librepensamento, ao marxismo ou ao modernismo, mentres se asentaban como piares fundamentais o tradicional, o espiritual ou o patriotismo, ingredientes todos eles que tamén condimentaron a produción literaria e a prensa infantil deses anos.

Esta monografía é unha valiosa contribución á recuperación da memoria histórica desde a literatura e a escola e un dos seus máximos expoñentes, os libros, aos que o profesor Pedro C. Cerrillo lles concede un protagonismo notorio na presentación, cando afirma "El estudio de los sistemas educativos y el conocimiento del patrimonio cultural de una sociedad, incluso el acercamiento al imaginario colectivo de la misma, no serían posible sin los libros escolares" (p.11).

eagrelo@yahoo.es

Protagonistas elixidos

Día das Letras 2010 No Día das Letras Galegas o escritor homenaxeado foi Uxío Novoneyra, quen ademais será o punto de referencia durante este ano 2010. Uxío Novoneyra, o poeta do Courel, achegouse tamén á LIX, por iso é hoxe o noso protagonista.

Literatura e identidade Uxío Novoneyra (Parada de Moreda-Serra do Courel, 1930-A Coruña, 1999) publicou para os máis novos: No cubil do xabarín, Gorgorín e cabezón e Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín. Obras nas que é de salientar a identidade e os soños do poeta. A primeira delas, No cubil do xabarín (1991), é unha narración coa estrutura e técnicas propias das novelas e relatos de pandas na que se refiren as andainas de Rabilete, Gatillo, Pistón, Portapeza, Firmegarra e Seguerrastro na busca da gorida dun xabarín na serra courelá, visibilizada a través da súa flora e fauna. A través dunha prosa dinámica e de carácter moi visual lógrase espertar o interese do lectorado agardado polos acontecementos expostos, que poñerán a proba o valor da temeraria rapazada. Un ano despois daría ao prelo Gorgorín e Cabezón (1992). Co mesmo esquema narrativo cóntanse as aventuras protagonizadas pola parella de personaxes infantís adiantados no título que sofren a persecución de dous homes do saco, representantes míticos do medo no imaxinario da nenez. Por último, pouco antes de morrer, publicou Ilda, o lobo, o corzo e o xabarín (1998), unha historia baseada na lenda de Ildara, transmitida oralmente e renovada polo poeta do Courel. Nela atópanse presentes outras temáticas como a amorosa e os valores de liberdade, xustiza e respecto pola natureza cos que soñaba o escritor. Aínda que se conservaron a súa estrutura e contidos fundamentais, o final rompe co desenlace dramático da lenda, pois se concede á princesa Ilda a liberdade de abandonar o Castelo onde vivía. Obsérvase nestas tres obras a fonda e íntima unión de Novoneyra coa súa terra natal, un dos seus sinais de identidade máis fortes, que serve de pano de fondo a todas elas. Tamén é de salientar o aspecto lingüístico, xa que o courelán optaba polas variantes típicas da zona como unha parte máis da súa identidade que se sumaba á xeográfica. esther de león viloria

18 may 2010 / 03:20
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito