Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
TRIBUNA LIBRE

Relatos eróticos en voces galegas

    baixo a epígrafe dun escarnio obsceno de Afons’Eanes de Cotón (“Abadessa oí dizer”) e a chamada de Carmen Blanco (“Saúde mulheres, quero-vos lobas livres”), nove autoras galegas responderon ao pedido de Através Editora e escribiron cadanseu relato erótico, avanzando así nos “movimentos do bom amor”. Son elas: María Lado, Verónica Martínez, Raquel Miragaia, Teresa Moure, Emma Pedreira, Isabel Rei Sanmartín, Susana Sánches Arins, Rexina Vega e Eva Xanin. Os seus relatos viron luz hai unhas semanas so o rótulo do escarnio do trobador medieval, e o subtítulo “Relatos eróticos de escritoras de Galiza”. Elas, seguindo a tradición de poetas e narradores da historia occidental -tamén os autores das cantigas galaico portuguesas- que nunca deixaron de falar do sexo, acreditan que tanto o erotismo como a pornografía son manifestacións da sexualidade, unha actividade que tamén nos define como humanos, como sapiens baixados das árbores; reprimidos, porén, pola tradición intelectual e moral xudeu-cristiana. Unha actividade que, na opinión de pensadores do talle de Georges Bataille ou Michel Foucault, é un dos principais problemas cos que se enfronta a nosa especie.

    Con todo, non son as achegas destas nove mulleres escritoras galegas unha expresión brava do sexo. Non son os seus relatos pornografía, se ben as diferenzas entre erotismo e pornografía son moi sutís, dependendo case que sempre dos estereotipos éticos. sociais, psicolóxicos, estéticos, feministas ou machistas que sempre son subxectivos. A moza do primeiro relato quere ir de carallada e que o mozo que resplandecía no medio do xentío a empurrase contra a parede. Noutros relatos, todo é labios e saliva, o gusto da carne, casacas e blusas tiradas, bondaxe salvaxe, anegacións entre seos femininos, labaredas que inflaman…Benvidas sexan, pois logo, estas reivindicacións dos praceres corporais recollidos nestes relatos do subxénero da literatura erótica, cociñados co lume e o pulo da maxia sexual, coa contumacia da carne, porque tamén contribúen, como o ensino en galego, o cine en galego, a liturxia en galego… á normalización da lingua de noso.

    Crítico literario

    11 jun 2017 / 19:39
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito