Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rematado o plan de mellora das zonas verdes do Milladoiro

O proxecto conta cun orzamento de case 200.000 euros // Instalarase novo mobiliario urbano e un sistema de alumeado LED, e plantarase vexetación // Construirase medio quilómetro de novas sendas peonís

    O Concello de Ames vai executar un proxecto para acondicionar as zonas verdes do Milladoiro que están xunto á zona de instalacións deportivas (pavillón, pistas deportivas, piscina descuberta, etc), a casa da cultura e o instituto. Este plan, que conta cun orzamento base de licitación de 199.860 euros, está incluído no Plan Impulsa Ames, que se enmarca dento da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible (Edusi) do Concello. Está financiado con fondo europeos Feder.

    O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, visitaron onte as zonas verdes nas que se vai actuar. Aproveitaron para presentar a iniciativa e anunciar que en breve “se aprobará o expediente de licitación do novo parque verde central de Milladoiro, cuxo proxecto xa foi rematado e que posibilitará gañar unha zona de esparexemento e paseo na parte alta do núcleo urbano con lugares de descanso, camiños e areas de xogo”, explican dende o goberno local. Miñones apuntou que “a nova infraestrutura verde que queremos para Ames comezará cun investimento de 200.000 euros nesta primeira fase, que terá continuidade con case 90.000 máis que temos dotados no novo orzamento de 2020”.

    ACTUACIÓNS A través destes traballos, que abarcan unha superficie de 12.000 metros cadrados de extensión, vaise reordenar o espazo para mellorar as zonas verdes do Milladoiro. Vanse crear medio quilómetro de novas sendas peonís; acondicionaranse os accesos ao parque segundo a normativa de accesibilidade; instalarase un novo sistema de alumeado LED con 23 novas luminarias e colocaranse dúas mesas de tenis de mesa. Tamén se instalará novo mobiliario urbano (oito bancos e mesas), 14 papeleiras e dúas fontes (unha delas accesible); e un novo sistema de drenaxe e rego automático. Ademais plantarase nova vexetación; en concreto 35 carballos e nove abeleiras, e plantaranse enredadeiras en 9.500 metros cadrados.

    Deste xeito, explican fontes municipais, “acondicionarase e ordenarase o espazo verde da zona alta do Milladoiro que está conectado, a través dunhas escaleiras e unha rampla accesible, coa Travesía do Porto, que foi urbanizada no 2018 e na que se investiron 245.993 euros”. Nesta mesma zona tamén se fixo unha rehabilitación das pistas polideportivas e das piscinas descubertas, construíuse un parque infantil accesible e instaláronse diferentes elementos biosaudables. “Na actualidade estase executando un anfiteatro para á mocidade e está previsto construír un parque de calistenia”, sinalan dende o goberno local.

    SENDA PEONIL Nunha segunda fase investiranse preto de 90.000 euros de fondos europeos Feder, que están consignados no orzamento de 2020 (en fase de elaboración), para unir a través dunha senda peonil o novo parque verde central coas zonas verdes situadas na parte baixa da urbe amiense, na contorna das rúas do Rego e da Costa Grande. O alcalde de Ames, José Miñones, explica que con esta actuación “gañaranse 10.000 metros cadrados de novas zonas verdes no Milladoiro”. Este novo parque central “vai dar continuidade ao espazo onde xa está instalada a zona deportiva e educativa”. Ademais, engadiu o rexedor, “vai permitir crear unha área de esparexemento e ocio para a mocidade que estará dotada das actuais pistas polideportivas, parque infantil accesible, anfiteatro para os máis novos e o futuro parque de calistenia que está previsto construír”. Deste xeito, sinala, “preténdense fomentar hábitos saudables entre a xente moza que nesta zona poderán practicar deporte e gozar do seu tempo de ocio”.

    O concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, indicou que “dende o goberno actual sempre se defendeu a idea de que no Milladoiro hai espazos verdes, pero que había que abrilos urbanísticamente á veciñanza e acondicionalos”. Recalcacou asemade que están a apostar por dotar a esta localidade amiense “dunha área que aglutine instalacións deportivas, educativas e zonas verdes, pensada tanto para a mocidade coma para as persoas adultas”, declarou.

    24 ene 2020 / 21:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito