Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

A resistencia chámase As Pontes

Manifestación de 1.500 operarios e veciños contra o peche da térmica e con recado ao Goberno// Folga de 24 horas na central // Os transportistas xa perderon 18 millón de euros // O acordo de investidura do BNG inclúe un convenio de industrialización para este semestre

Coas apagadas chemineas da térmica como telón de fondo, As Pontes loita incansable polo seu futuro. O último berro lanzouse onte con recado ao novo Goberno central. Nunha manifestación protagonizada por 1.500 traballadores e veciños, reclamouse a continuidade da planta de Endesa e unha transición xusta ante o fin do carbón. Desde a praza do Carme, ata o mercado e o propio concello, a marcha estivo acompañada por unha folga de 24 horas tanto en Endesa como nas auxiliares. E os comercios secundaron un paro parcial, mentras operarios, camioneiros e veciños desfilaban con pancartas e camisetas verdes. Por diante, quedan dúas mobilizacións importantes: este sábado os transportistas farán o último treito do Camiño de Santiago e o 1 de marzo haberá outra gran manifestación en Ferrol. O sector dos camioneiros deixou de ingresar nestes meses 18 millóns de euros.

A folga na térmica tivo un seguemento total: "Só entraron a traballar os servizos mínimos, pero a participación foi do 100% na principal e nas auxiliares". Segundo o voceiro das subcontratas pola CIG, Alberte Amado, "a nosa reivindicación é garantía de emprego para a industria auxiliar no primeiro trimestre, aínda que xa empezamos a padecer despedimentos". Endesa xa solicitou ao Goberno, cando estaba en funcións, o peche desta planta con previsión de clausura para 2021. Os axentes sociais reclaman "emprego, unha transición xusta e futuro para a comarca". E como lembra Alberte Amado, "pedimos a constitución da mesa formal pola transición ecolóxica, con Ministerio, Xunta, Concello, Endesa e afectados". Segundo Nuria Fernández (CCOO-Industria en Ferrolterra), "o Goberno debe tomar decisións neste conflito".

Os principais danados ata agora polo parón da planta son os camioneiros. Levan nove meses sen ocupación nin ingresos. Cholo Bouza, o seu voceiro, recalca que "a situación é moi complicada, están empezando a entrar as empresas en suspensión de pagos e cada mes que pasa é todo máis difícil". Neste colectivo hai pouca confianza nas promesas do novo Goberno: "Máis ben ningunha, confiaremos cando vexamos as cousas e cumpran... porque non hai nada do que dixeron hai tempo". O parón da central afecta a 72 empresas do transporte, "con 150 camioneiros e máis de 200 empregados". Recalca Cholo Bouza que "habería 18 millóns de euros sen cobrar por non traballar, pero nós continuaremos loitando".

De feito, este sábado farán o Camiño de Santiago no seu último tramo. Os manifestantes sairán da estación pontesa de buses ás 08.00 da mañá para chegar ata Arca (O Pino): "E desde alí sairemos ás 10.00 horas para protestar ante a Xunta, con última parada na praza do Obradoiro ante a Catedral".

 


pacto para a comarca. Na protesta non estivo o alcalde Valentín González Formoso, pero si concelleiros das Pontes e outros representantes políticos. Acudiu o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. E recordou que no acordo de investidura dos nacionalistas galegos co PSOE para o Goberno de Pedro Sánchez incluiuse un convenio para reindustrializar esta zona. "Ademáis de medidas necesarias como a modificación das normativas para que Galicia se incorpore ás axudas co mesmo dereito que Asturias ou Castela e León, temos sobre todo o compromiso do Goberno para asinar no primeiro semestre de 2020 o convenio por unha transición xusta", indicou.

Dito convenio contaría "co orzamento preciso para unha actividade económica alternativa (vinculada á transición enerxética) e emprego na comarca". Así foi trasladado por Rego ao comité de crise local, ademáis da súa oferta para presionar a reactivación da mesa co Ministerio pola Transición Ecolóxica, Xunta, concello, Endesa e axentes sociais. Non se descarta a continuidade da central coa aceptación de Endesa de avaliar de novo as probas de biocombustibles: "No BNG somos favorables á transición enerxética, pero non compartimos o peche sen dar antes emprego".

Para outras zonas de España afectadas pola descarbonización, podería aplicarse un convenio en setembro de 2020. Pero para As Pontes e Cerceda, o acordo de investidura do BNG contempla a sinatura do convenio xa no presente semestre.

14 ene 2020 / 22:08
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito