Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h
{ enlazarte }

Responder con afouteza

    HAI un par de semanas celebrábase o día de Rosalía de Castro, que continúa alimentando as almas de varias xeracións de galegas coas súas verbas. “Trocando en sonrisas queixiñas e choros” é un dos centos de versos de Rosalía que recito cando as cousas non parecen ir como unha cre que deberían ir… A poesía, ao igual que a música, e as artes en xeral, axúdanos a sentir e procesar as nosas emocións máis inexpresables a través das emocións dos outros, dos que as sentiron antes, dos que, coma Rosalía, compartiron con nós a súa dor e o máis profundo dos seus pensamentos.
    E esta semana celébrase o Día Internacional da Muller, que naceu en Nova York e que se ven celebrando dende hai máis de cen anos, aínda que a ONU non o recoñeceu como oficial até o ano 1975. E é que no tema dos dereitos das mulleres, aínda queda moito por camiñar, en moitos países, pero tamén no noso.
    Lendo a Rosalía unha pode viaxar literalmente á súa época, pero é imposible poñerse nos seus pés, ou nos pés de calqueira muller galega de finais do século dezanove. Crieime nun recuncho matriarcal, en certo modo nunha burbulla, rodeada de mulleres fortes e poderosas que con pouco souberon facer moitísimo, e esa é a miña minirealidade, pero a experiencia ensinoume que esa non é a realidade de todas, e que aínda queda moito camiño por andar, e que moito do que nos queda por camiñar está nas mans da sociedade activa, da motivación para cambiar as cousas e da regulación para que o rol da muller na sociedade sexa normalizado. Os medios de comunicación son unha parte importante deste cambio, pero ás veces parece que camiñamos cara atrás…
    Esta semana, por casualidade, dei co libro de Narciso de Gabriel Elisa e Marcela. Alén dos homes que conta, a través das investigacións de Gabriel, a historia de dúas mulleres que pasaron á historía por ter casado pola igrexa hai máis de cen anos, e das penurias que pasaron cando se descubriu o caso. O libro, que tamén está traducido ao castelán, usa os medios de comunicación da época para reconstruir unha historia fascinante, e a través deses medios tamén nos axuda a ter unha idea do trato que recibían as mulleres nos medios a primeiros de século. E é que non podemos esquecer que até o 2005 as Elisas e Marcelas da nosa xeración non podían ter un documento oficial de casamento, de normalidade. Non hai nin doce anos que o matrimonio homosexual é legal en España.
    E cantas e tantas historias por contar... A película Figuras ocultas de Theodor Melfi, nominada aos Oscar deste ano como mellor película, tamén nos axuda a intentar poñernos nos pés das tres mulleres afroamericanas que formaron parte da carreira espacial da NASA. Imaxinar a súa realidade nos EUA da segregación é duro.
    Aprender sobre as múltiples verdades e realidades das mulleres e loitar xunto a elas é o único xeito de seguir avanzando polo camiño dos dereitos…
    Gaiteira e pianista

    05 mar 2017 / 17:58
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito