Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h
enlazarte

Responsabilidade Social

    "OS nenos teñen 100 xeitos de expresarse, pero roubámoslles 99".

    Loris Malaguzzi.

    Reggio Emilia é unha cidade do norte de Italia e tamén é o nome dunha iniciativa educativa fascinante. No campo da educación, falar do Enfoque Reggio Emilia significa falar da pedagoxía da escoita. Fomentar o respecto, a responsabilidade social e a mellora da comunidade a través da exploración e o descubrimento e da aprendizaxe autodirixida dos rapaces. Escoitar aos rapaces de xeito activo e deixalos liderar a súa propia aprendizaxe.

    O programa, enfocado á primeira infancia, naceu en 1945 da man de Malaguzzi e da comunidade de pais e nais da rexión como unha reacción á situación na que quedou esa zona despois da Segunda Guerra Mundial. Entenderon que os rapaces necesitaban un xeito novo de aprender e de- senvolveron o que hoxe é un dos experimentos educativos máis estudados do mundo. A pedagoxía da escoita... Aprender a escoitar! Canta falta nos fai a moitos de nós aprender a escoitar con todos os nosos sentidos. Escoitar co oído, coa vista, co corpo e ser capaces de xerar un cambio en nós e no que nos rodea a través desa escoita e da nosa reacción a ela.

    Este proxecto intenta facer a mellor integración posible das "cen linguaxes dos rapaces" na súa etapa máis temprana, facendo visibles os seus procesos de pensamento, as súas ideas, a súa creatividade e a súa empatía.

    Esta semana, no noso curso de verán da universidade coa que colaboro nos EUA, tiven a sorte de escoitar de primeira man o impacto que este programa tivo na cidade e na comunidade de Reggio Emilia. Puiden ver como, a través da escoita e da educación, toda unha comunidade pode mellorar e crear algo máis grande que un mesmo. A mentora, educadora e investigadora Carla Rinaldi ensinounos a todos que a arte de escoitar é reveladora e que observando o xeito de aprender e escoitar dos rapaces (coas súas cen linguaxes) podemos realmente cambiar o mundo.

    Quizais é porque estamos en agosto, e porque o tempo axuda, e porque estou onde teño que estar, facendo o que quero facer, o caso é que o estudo deste enfoque pedagóxico fíxome pensar en como melloraría a nosa sociedade se nos parásemos a escoitar, cos ollos, coas mans, co olfato... Se nos parásemos a analizar que é o que podemos facer para mellorar o noso contorno, pois Rinaldi tamén nos ensinou que o espazo, o contorno, é imprescindible na nosa formación, é un profesor máis, un mestre do noso xeito de aprender a vivir a vida plenamente e desenvolver a complicada e sinxela idea de "eco-empatía".

    Este enfoque ten unha fermosa paradoxa, e é que escoitar require ter en conta os puntos de vista dos que nos rodean... Imaxinade un mundo no que a pedagoxía da escoita fora a pedagoxía da vida..., imaxinade un mundo no que todos os puntos de vista son tomados en conta para a mellora da sociedade... Non perdamos a esperanza e sigamos avanzando para que os que nos representen sexan aqueles que escoitan...

    Gaiteira e pianista

    07 ago 2016 / 22:04
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito