Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Retraso das axudas ao fomento da lingua galega no ensino

Así o denuncia a Corrdinadora Galega de Equipos de Dinamización e normalización lingüística

    As axudas ao fomento da lingua galega no ensino non universitario para o curso 2011-2012 aínda non foron convocadas e acumulan un retraso superior a un mes respecto da convocatoria do ano pasado. Este retraso afecta gravemente á planificación dos proxectos que desenvolven os Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), que descoñecen os recursos cos que van contar para levar a cabo as actividades orientadas a mellorar a capacitación lingüística do alumnado e que, en moitos centros, supoñen unha boa parte das súas actividades extraescolares e complementarias.


    O adiamento das axudas supón a práctica parálise da actividade no primeiro trimestre debido aos prazos estipulados neste tipo de convocatorias e á resposabilidade dos EDLG, que non poden executar as súas programacións sen coñecer os recursos cos que contan. Ao convocarse nos primeiros meses do 2012, retrasaríase a resolución das axudas ao tramo final do ano lectivo, como xa ten pasado outros anos, paralizando así o labor dos equipos. Ademais, cómpre sinalar que aínda non se cobraron as partidas correspondentes ao curso pasado e que a tramitación das axudas á promoción do galego está sendo obxecto dunha rigorosidade que non se aplica a outros programas escolares similares.

    O incumprimento dos compromisos adquiridos cos EDLG a este respecto por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística pon en serio perigo actividades como os certames literarios e artísticos, a elaboración de traballos audiovisuais, o funcionamento de emisoras de radio e os grupos de teatro, a publicación de revistas e xornais, a dinamización das novas tecnoloxías, os programas colaborativos cos concellos e asociacións profesionais, veciñais, culturais e deportivas, etc., todos eles proxectos que melloran a formación integral, non só lingüística, do alumnado.

    Esta problemática súmase ao conxunto de medidas regresivas para a presenza e promoción da lingua galega no ensino, como o seu retroceso como lingua vehicular, sobre todo no ensino infantil, a súa eliminación das áreas científico-tecnolóxicas ou a recente anulación das axudas áedición de materiais educativos en galego, que trataban de paliar a escaseza de recursos pedagóxicos e didácticos que se detecta en numerosas materias.


    04 oct 2011 / 12:49
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito