Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Rianxo cociña o mar da man de 4 chefs e 19 hostaleiros locais

Presentan receitas tradicionais e innovadoras nunha publicación colgada na web municipal

    O Concello de Rianxo colgou na súa web unha interesante publicación con receitas tradicionais propostas por dezanove hostaleiros da vila, así como outras máis innovadoras que presentan catro chefs profesionais. A iniciativa, denominada Rianxo cociña o mar, vai máis alá do eido gastronómico e afonda na vinculación da localidade co mar e a pesca.

    E é que, como indica Ricardo Losada no limiar, "Rianxo sempre foi unha vila mariñeira. A xouba segue pescándose coa mesma arte, o xeito, coa que a pescaba hai máis de cen anos. Pasear polo seu porto é pasear por un dos portos galegos con máis embarcacións (sobre 330)". A confraría ten máis de 727 socios, dedicados principalmente ao marisqueo, pero tamén á pesca co bou de vara e ao xeito, e na lonxa pódese atopar xouba, berberecho, volandeira (vieiriña), choco, nécora, bocareu, centola e outras moitas especies.

    Losada lembra tamén a importancia do sector mexilloeiro, que xenera "en torno ao 35 % do emprego (330 bateas para 240 rianxeiros) e o 20 % da actividade económica".

    Na iniciativa participaron os seguintes establecementos: casa de comidas A Ponte, de Isorna; Casa Isolina de Taragoña; hostal-restaurante Casa Pachín de Taragoña; Chiringuito Os Bos Amigos de Leiro; Café-Tapería Nova Era de Araño; restaurante Don Pancho; Restaurante-Pizzería Tialena; Restaurante Tanxil; Parrillada Ourense: Cafetería-Tapería Novo Galería; Pulpería-Restaurante O Taberneiro; Café-Restaurante O Vilar; Tapería O Furancho de Rianxo; Bocatería-Tapería Gughenheim; Restaurante Feliciano; Café-Bar Cofradía; Mesón O´Portiño; Pulpería Pímen; e Cafetería Toffe. Os seus cociñeiros presentan 19 receitas tradicionais; dende os sinxelos berberechos ó vapor ou xoubas con cachelos, ata guiso de chopo con arroz negro ou empanada de millo de volandeira.

    Pola súa banda, catro chefs profesionais difunden outras 12. Dende xoubiñas de Rianxo mariñadas en vinagre de mazá, ata volandeiras gratinadas, bocareus mariñados con tempura ou empanada de berberechos con dúas fariñas. Pero tamén aportan outras 12 receitas innovadoras: o Gin-tonic de berberechos; paupiettes de linguado con langostinos; empanada de polbo con wantón; pementos de piquillo recheos de centola; polbo á brasa con puré de batata e vainilla; linguado con Tía María; ensalada morna de ameixas, cogomelos e langostinos; montado de pemento asado con xoubas mariñadas; risoto de choco con alioli gratinado; revolto de mexillóns con algas; volandeira con tallaríns negros e gambas; e ameixas confeitadas con crumble de aceite.

    28 mar 2020 / 20:51
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito