Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 20 julio 2024
09:49
h

Ribadavia, capital da comarca do Ribeiro (I)

Acaba de acoller a XLIII edición da feira anual dun dos viños máis famosos do país, entre o 28 de abril e o 1 de maio, unha escusa para que as súas rúas, dotadas dun patrimonio cultural envexable, se enchesen de visitantes. Vila de castelos, igrexas e casas de diferentes estilos enmarcada polos viñedos e as augas fluviais dos balnearios, onde os sentidos poden atopar un merecido descanso

    o corazón da comarca do Ribeiro atópase a vila medieval de Ribadavia, lugar onde se elabora o viño que acaba de celebrar a súa XLIII feira anual, declarada de interese turístico e que fai deste lugar ourensán o punto de encontro de entendidos e amantes afeccionados aos caldos da zona.

    Do 28 de abril ao 1 de maio Ribadavia encheuse de xente que quixo saborear un ano mais o famoso viño do Ribeiro, levando no padal o gusto das súas xentes e da historia desta vila con encantos que nos remontan ao pasado do barrio xudeu. Contando cun tramado de rúas de trazos medievais nas que a pedra feita arte se converte no grande agasallo para para os ollos do camiñante, Ribadavia érguese como vila de castelos, igrexas e zonas que mesturan diferentes estilos, mergullada á súa vez nun espazo singular enmarcado polo contorno dos viñedos e das augas fluviais para o descanso dos sentidos, relax que tamén se ofrece na visita aos balnearios da zona, mesmo no de Ribadavia ou no de Arnoia.

     

    O viño leva máis dun milenio sendo a base económica

    En Ribadavia, que posúe un conxunto histórico declarado Ben de Interese Cultural, o cultivo do viño dise que leva máis dun milenio sendo a base da economía da comarca. Se é certo que dende o S. IX os reis e nobres xa tiñan adegas, tamén o é que o desenvolvemento empezou a partir do século XII, cos mosteiros como principais encargados da súa produción, pata cegar nos séculos XVI - XVII ao cumio na exportación cara ao norde de España, Francia, Inglaterra e Flandes. Logo do XVIII viviría unha etapa de declive, motivada polas difíciles comunicacións e a chegada de viños máis económicos de Rioxa e Castela que competían no mercado europeo. Para agravar aínda máis a situación, a mediados do XIX fálase dunha peste na que se perde boa parte das vides. A recuperación vén, pois, no século seguinte, a comezos do XX, ata chegar aos nosos días, co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro, que traballa para fomentar o viño da comarca, cunha variada gama de aromas e matices para o padal, como se viu na pasada feira, a través de uva branca do tipo treixadura, godello, albariño, torrontés, loureira, albilla, silveiriña e moscatel, entre outras; ou de caíño, mencía, sousón, brancellao, ferrón e tempranillo, no caso do viño tinto.

    Dentro da Denominación de Orixe do Ribeiro están preto de tres mil hectáras de viñedos ditribuídos ao longo de trece concellos, con Ribadavia á cabeza, sendo o centro neurálxico da zona, o principal lugar da comarca en canto ao aspecto económico e cultural. Ademais, o Consello Regulador conta cuns seis mil viticultores e máis dun cento de adegas e embotelladoras. A extensión dos viñedos repártese entre os concellos de Ribadavia, Arnoia, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Leiro, Cenlle, Beade, Punxín e Cortegada, así como nos de Boborás, Santo Amaro, Toén, Carballiño e Ourense. Nunha zona privilexiada en canto á climatoloxía, con características de rexión oceánica e mediterránea, as uvas maduran conservando o seu peculiar aroma e acedía.

    Xa coa ollada percibimos que son uns viños que desprenden luz, transparentes e limpos, que brillan con tons que van do máis pálido ata o máis marelo, con reflexos de tinte verde que acentúan a nota da fescura que caracteriza aos brancos do Ribeiro, uns caldos que arrecenden a flores e a suaves bálsamos cos que agarimar o padal, deixando na boca unha delicada sensación de elegancia e de sabores profundos, frescos e aromáticos.

     

    A variedade raíña nace da uva de Treixadura,

    Sen dúbida a variedade raíña da zona do Ribeiro, o ouro líquido que fai as delicias dos padais máis esixentes na cata dos viños brancos, é a Treixadura, que dá lugar a un viño de profundo aroma, de tintes froitais e marcadamente elegante na súa degustación.

    A esta variedade de uva branca é á que se atribúe o feito de situarse como garantía de éxito dos caldos do Ribeiro, tan afamados dentro e fóra das fronteiras xeográficas galegas, representando o viño branco do Ribeiro arredor dun 85% da produción da Denominación de Orixe. Trátase de viños que se asocian nunha perfecto maridaxe ao marisco e ao peixe, pero que tamén combinan con queixos suaves e algúns embutidos.

    Polo que respecta aos tintos, dos que se di que representan menos dun 15% da produción da Denominación de Orixe, pode decirse que se trata de viños diferentes, con autonomía e un distintivo que os fai xenuinos e alleos a outras variedades de viño tinto. Pasan por ser uns caldos que se consomen case na súa totalidade en Galicia. Non esquezamos que un perfecto compañeiro para degustar este viño é o polbo, pero outra opción son o xamón, a cecina ou o queixo.

    27 may 2006 / 16:48
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito