Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ribeira amosa litografías do artista Toulouse-Lautrec

No Museo do Gravado expóñense láminas procedentes dos debuxos sobre pedra que fixo o pintor francés // Profundizou na vida cotiá das mulleres de cabarets, de circos ou de burdeis // Exhíbense fondos do centro e de particulares

A sala 2 do Museo do Gravado de Ribeira acolle ata o vindeiro día 22 unha exposición arredor de Henri Toulouse-Lautrec, nacido en Albí en 1864 e falecido en 1901. Un artista ben coñecido como pintor dun mundo bohemio, ás vecer sórdido, vital, moi persoal e lonxe das súas orixes aristocráticas.

Un mundo de movemento e de cor, arredor de cabarets, circos, burdeis, bailes e cafés. Pero o que mostra agora o citado centro museístico ribeirense é a súa faceta como litógrafo (como gravador sobre pedra), que comezou a desenvolver en 1891 xa cunha obra mestra, o cartel La Goulue, e que levará, en 1893, á maior perfección artística co cartafol Le Café-Concert e xa en 1896 con E­lles, litografías de mulleres na súa vida cotiá, fóra da mirada sensual ou erótica, lonxe da carnalidade, amosadas na súa normalidade, humanizándoas.

Con este último traballo incorpora a influencia da estampa xaponesa e revoluciona o mundo do gravado de finais do século XIX. Xa non abandonará a litografía ata a súa morte, con só 36 anos.

O Museo do Gravado une nesta exposición os seus fondos aos do coleccionismo privado para seguir difundindo dita disciplina. No catálogo elaborado para a ocasión, Daniel Buján explica con claridade a arte litográfica de Toulouse-Lautrec. "A litografía, na que o artista debuxa directamente sobre a pedra, permítelle expresar con liñas sutís e expresivas os momentos máis sinxelos das persoas tamén sinxelas que forman o mundo que o rodea", sinala Buján.

En 1896 o autor chega posiblemente ao seu cénit coa carpeta E­lles, unha serie de 11 litografías, varias en cor, que o sitúan á altura de xenios do gravado como Goya. Ese é, ademais, o elemento central desta colección, na que se poden ver estampas que recollen momentos sinxelos de intimidade e vida cotiá dentro dun prostíbulo (Lautrec visitaba regularmente este tipo de establecementos).

Mulleres que recollen o pelo, con camisón de noite ou descansando en traxe de faena, ou que apenas son visibles entre as follas desordenadas dunha cama, non satisfeitas, senón esgotadas polo duro compromiso do seu traballo. Mulleres case púdicas, lavando ou arranxando o pelo ou a roupa. "Non percibimos o seguro encanto ou a voluptuosa carnalidade no seu medio espido. Percibimos o carácter, a fatiga, a falta de coidado ou o desinterese polo sexo visto como traballo diario, a inocencia, o abandono", comenta Buján.

 


YVETTE GUILBERT. Entre as protagonistas das creacións que poden contemplarse estes días en Ribeira figuran Yvette Guilbert, cantante parisina que lograría unha gran fama e notoriedade, e que foi en varias ocasións retratada por Toulouse-Lautrec. Na litografía adicada a ela, o artista galo reflicte perfectamente a cara tensa da artista en plena representación, cunha iluminación expresiva procedente das candilejas.

Outro dos personaxes é o famoso artista e cantante de cabaret Aristide Bruant, ó que inmortalizou en varios carteis, coa chaqueta de pana, a longa bufanda vermella e o sombreiro que o caracterizaban nas súas actuacións.

14 ene 2020 / 21:10
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito