Santiago
+15° C
Actualizado
martes, 23 abril 2024
16:11
h

Ribeira impulsa un plan para formar e asesorar aos emprendedores locais

Contarán coa axuda da Fundación Ronsel para definir os seus modelos de negocio

    O Concello de Ribeira acaba de dar luz verde a un acordo coa Fundación Ronsel para proporcionar asesoramento e formación grupal gratuitos a emprendedores do municipio. A iniciativa foi aprobada na última xunta de goberno local.

    Nacida no ano 2000, a citada institución é unha entidade benéfico-docente inscrita no Rexistro de Fundacións de Interese Galego co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas e fomentar a súa inserción sociolaboral. Colabora con distintas administracións públicas como o Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social, a Xunta de Galicia ou a Deputación e forma parte do Plan Galego de Inclusión Social, EAPN Galicia (Rede Galega contra a Pobreza), a Rede Eusumo e a Fundación Youth Business Spain, ademais de estar adherida á Estratexia de Emprendemento e Emprego Xoven do Goberno de España.

    A tal efecto, integrantes da mesma acudirán cada mes ao concello ribeirense para proporcionar formación individual a través de entrevistas presenciais de entre sesenta e noventa minutos de duración aos mozos e mozas que queiran poñer en marcha un negocio ou unha empresa.

    De igual xeito, levarán a cabo talleres de capacitación práctica aplicables para a mellora de competencias e a definición do modelo elexido en cada caso polos participantes.

    Os detalles do emprazamento deste novo servizo, así como as datas de celebración, concretaranse en breves días, segundo informou onte o goberno local.

    Os interesados poden obter máis información no viveiro de empresas.

    21 may 2019 / 22:20
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito