Ribeira recibirá con récord histórico a Andaina dos Cen
Celebrarase os días 22 e 23 de xuño e xa hai trescentos inscritos // Os participantes percorrerán un cento de quilómetros atravesando sete concellos // O 40 % da ruta farase pola costa // Todos levarán dispositivos localizadores por GPS
Ribeira será este ano o concello anfitrión da Sexta Ultraandaina dos Cen Quilómetros, unha proba organizada polo clube International Trekkers Barbanza-Sar, xa consolidada na comarca do Barbanza e que se disputará os vindeiros días 22 e 23 de xuño.
Os participantes atravesarán diversos enclaves de gran valor paisaxístico e patrimonial de sete municipios: Ribeira, Boiro, A Pobra, Rianxo, Porto do Son, Noia y Lousame. Este ano, o corenta por cento do percorrido farase pola costa, como sinalou onte na presentación o presidente da citada entidade, Francisco González Lojo. No acto participaron tamén os alcaldes de Ribeira (Manuel Ruiz), O Son (Luis Oujo), Noia (Santiago Freire) e Rianxo (Adolfo Muíños); o tenente de alcalde de Boiro, Fernando García Diéguez; e os integrantes do colectivo Juan José Fajardo, Arturo Reboyras, Carolina González e Eduardo Autrán Losada.
A saída será o día 22 ás catro da tarde da praza de España. Os andariegos farán dende alí unha ruta (que deberán completar antes de 24 horas) hacia Rianxo, Lousame, o monte Iroite (a 680 metros de altitude), Chans do Barbanza, A Curota, cruceiro de Moldes, mirador de San Alberto e Pedra da Cabra, entre moitos outros lugares de gran valor natural.
O prazo de inscrición está aberto e son xa 300 os anotados, polo que se baterá o récord histórico desta proba, que foi de 265 persoas (o ano pasado). Trátase dun evento non competitivo de sendeirismo/ultratrail e pertencente á Copa Galega de Andainas da Federación Galega de Montañismo.
A ruta, que estará balizada, rematará ás catro da tarde do 22 de xuño cun xantar de confraternidade nas inmediacións da praia ribeirense de Coroso.
"UN EVENTO ÚNICO". O mandatario ribeirense destacou na súa intervención que "este é un evento único en Galicia, que aglutina o aspecto deportivo e o turístico, e que contribúe a vertebrar a nosa comarca. Quero destacar tamén o forte respaldo institucional que ten en cada edición, así como o das empresas patrocinadoras. Se por separado somos capaces de facer moitas cousas, xuntos acadamos moitas máis e mellor".
A organización, aínda que subscribirá un seguro de accidentes e responsabilidade civil, non se fará responsable dos danos que poidan sufrir os participantes, estando polo tanto exenta de calquera tipo de indemnización.
É conveniente que todos dispoñan de licenza federativa (ficha montaña), ou dalgún seguro deportivo particular, aínda que non é obrigatorio. Ao inscribirse, declararán non padecer lesión algunha que poida agravarse como consecuencia da realización da proba, eximindo á organización de calquera responsabilidade derivada delo.É responsabilidade do participante facerse os test, chequeos ou probas médicas necesarias para verificar o seu axeitado estado de saúde.
O PRAZO, ATA O 10 DE XUÑO. O único lugar para inscribirse é a web do clube, mediante o pagamento por plataforma (antes do 10 de xuño). Os prezos son os seguintes: andaina, 55 euros; comida, 15 euros; comida de acompañante, 15 euros (permitirase un máximo de dous por inscrito e as entradas destes pagaranse por adiantado na propia páxina).
Dende as 13.30 horas do día 22 estará habilitado na zona de control de saída/chegada o posto de entrega de pulseiras identificativas e localizadores GPS (ata as tres e media da tarde).
A entrega de dorsais será persoal e intransferible e será obrigatorio firmar a folla de control antes de facer a saída.
Tamén será preceptivo levar o seguinte material durante os cen quilómetros: a pulseira identificativa colocada nun lugar visible do corpo, os localizadores, contedor para líquidos, lanterna ou frontal, gorra ou pano, teléfono móbil con batería e saldo e chifre ou silbato para emerxencias.
De xeito opcional, recoméndase tamén ir con manta de emerxencia, luz traseira cor vermello, alimentos e chaqueta impermeable con membrana transpirable.
O roteiro estará delimitado con cintas reflectantes, pintura e, no tramo nocturno, luminarias.
Quenes completen a ruta terán dereito a unha medalla de Finisher, de deseño propio, e diploma indicando o tempo acadado. Todos os que fagan a saída terán dereito á camiseta ou a unha prenda conmemorativa.
EN 2020, DENDE LOUSAME. González Lojo quixo agradecer o apoio dos sete concellos a esta iniciativa "que naceu da man dun grupo de amigos e que é xa unha cita obrigada e consolidada no calendario galego de andainas". Tamén puxo en valor a implicación e a colaboración das numerosas empresas que a respaldan, así como a da Mancomunidade Arousa-Norte. Finalmente, adiantou que, na vindeira edición, a sétima, a saída farase dende Lousame.